O Partido Socialista lamenta que o bipartito non active o proxecto ‘Entre Sar e Sarela’

“Hai actuacións no Viso, en Cornes e na lagoa do Auditorio que dependen del”, sinala Mila Castro

Imagen del paseo del río Sar

Imagen del paseo del río Sar / Antonio Hernández

A concelleira socialista Mila Castro preguntará no Pleno do vindeiro mércores polo estado de execución do proxecto Entre Sar e Sarela. Di que este fora un dos proxectos para os que o goberno de Sánchez Bugallo conseguira financiación europea, máis de 4 millóns de euros a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

O proxecto, destaca a concelleira socialista, inclúe cinco actuacións principais na liña de potenciar a renaturalización de zonas verdes de Santiago, “algo fundamental para Compostela que sempre foi referente na aposta e conservación de espazos verdes urbanos”, recalca a edil socialista. “Este plan recolle a ampliación de zonas verdes no barrio de Pontepedriña, a recuperación do entorno natural da pequena lagoa de Cornes e unha aposta decidida polo xardín botánico ao carón do Campus Sur da Universidade, buscando a conservación e restauración fluvial do corredor ecolóxico do río Sarela”, incide Mila Castro.

Engade, ademais, que inclúe actuacións na lagoa do Auditorio de Galicia, incluindo tamén a restauración fluvial do río Corgo e a mellora das áreas verdes adxacentes –xardíns do Auditorio, finca de Lois e Parque das Nacións–; así como actuacións no Monte do Viso.

Castro cuestiona os avances neste proxecto desde a entrada do executivo de Sanmartín: “Xa van oito meses desde a chegada do novo goberno e, a día de hoxe, aínda non sabemos se se está a impulsar ou se abandonaron o proxecto a súa sorte”, sinala a concelleira do grupo municipal socialista.

A que fora responsable de Parques e Xardíns durante o pasado mandato, incide en que estas actuacións teñen que estar rematadas a finais do 2025. “Queremos saber se o goberno pode cumprir co prazo máximo de execución do proxecto ou se ten previsto solicitar algunha modificación das accións a desenvolver”, afirma Castro, antes de subliñar o valor estratéxico do proxecto Entre Sar e Sarela. “Nos permite seguir na senda dunha cidade sostible e que aposta por espazos verdes de calidade”, remarcou a concelleira do PSOE.