Estas son as carreiras que ofertan máis prazas na USC o próximo curso

Serán un total de 7.445, que se reparten entre 4.640 de grao, 136 de dobres graos, 1.809 de mestrados e 860 de doutoramento

Estudantes da Universidade de Santiago

Estudantes da Universidade de Santiago / antonio hernández

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reuniuse este xoves no Pazo de Fonseca para aprobar o número de prazas que se ofertarán o vindeiro curso. Serán un total de 7.445, que se reparten entre 4.640 de grao, 136 de dobres graos, 1.809 de mestrados e 860 de doutoramento.

A variación con respeto ao curso pasado é mínima. En concreto, o número total de prazas crecen en 38 (eran 7.407 prazas, 4.591 de grao). En palabras da vicerreitora de Titulacións da USC, María José López Couso, “podemos falar de estabilidade. López Couso sinala que se trata dunha proposta dos órganos de goberno interno da universidade que “agora debe darlle o visto bo a Secretaría Xeral de Universidades”.

En detalle, a oferta inicial inclúe respecto do presente curso incrementos de prazas nos graos de Enxeñaría Informática (de 85 a 100), Empresa e Tecnoloxía (de 45 a 55), Historia (de 100 a 110), Xeografía e Ordenación do Territorio (de 50 a 55), Historia da Arte (de 88 a 90) e Enfermaría de Lugo (de 83 a 85).

No referente ás novas prazas en dobres graos, a cifra ascende a 136, incluíndo a proposta de incremento para as simultaneidades de Matemáticas e Enxeñaría Informática e de Física e Matemáticas, en ambas de 10 a 12 prazas de oferta total.

López Couso recoñece que hai titulacións nas que a demanda é superior á oferta “pero hai que saber ata onde se pode chegar para ofrecer unha docencia de calidade”, di no referente a cando falta profesorado ou recursos materiais.

No Consello de Goberno tamén se deu o visto bo ao acordo sobre os procedementos de admisión aos estudos de graos nas universidades públicas do Sistema Universitario Galego para o vindeiro curso. Elaborada pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), nela regúlase tanto as regras de funcionamento e procedementos de admisión como os criterios de valoración e a súa ponderación e baremos e as regras para establecer a orde de prelación na adxudicación de prazas das ensinanzas oficiais de Grao nas tres universidades.

A maiores, aprobouse a Cátedra da Saúde Ambiental coa mirada posta na necesidade de fomentar a investigación en saúde ambiental e na busca de sinerxías entre a Universidade e o Sergas, que se incorpora tamén á cátedra.

Entre as liñas de accións da cátedra figuran o estudo e a avaliación empírica do impacto en saúde da exposición da poboación galega aos factores ambientais con repercusión na saúde pública dentro do ámbito poboacional e laboral e identificar activamente novos riscos, factores emerxentes ou contaminantes ambientais que poidan implicar un risco para a saúde e propoñer a súa incorporación aos sistemas de vixilancia de saúde pública.

Outros asuntos tratados en Consello do Goberno

O órgano de goberno da USC deu ademais o seu visto bo a un novo mestrado Interuniversitario en Materiais Avanzados, aos regulamentos de Réxime Interno dos recentemente creados institutos de Investigación de Humanidades e Psicoloxía así como ao cambio de denominación do Instituto de Acuicultura da USC, que pasa a chamarse Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha saúde Global (iARCUS).

Acordouse tamén recoñecer con horas de docencia práctica clínica a colaboración docente dos colaboradores e titores clínicos das Facultades de Medicina e Odontoloxía e de Enfermaría, para os únicos efectos da súa utilización nos procesos de acreditación a figuras de profesorado universitario.

A sesión do Consello de Goberno concluíu coa aprobación de modificacións non substanciais nas memorias dos graos de Educación Infantil e Primaria, a adscrición dun científico do CSIC e a designación do representante do Consello de Goberno nos Institutos de Humanidades e de Psicoloxía.