Santiago

A Festa da Cabra do Eixo reúne máis de 200 persoas e aspira a dar un salto o próximo ano coa Panorama

A exaltación gastronómica celebrou a súa quinta edición nunha xornada chea de música e diversión

Máis de 200 persoas déronse cita este domingo no campo da festa de Santa Lucía para celebrar a Festa da Cabra do Eixo de Santiago, un evento para exaltar este prato típico da zona que vai medrando cada ano. Mais os seus organizadores, a Asociación de Festexos O Eixo, non se conforman e xa preparan a que será a sexta edición no 2025 na que pretenden que a festa dea un salto cualitativo e atraer asistentes de toda a cidade con actuacións como a da orquestra Panorama. Ademais, para dentro de dous anos xa teñen pechada tamén a presenza da París de Noia.

“Aquí vén moita xente de máis de 35 anos e queremos que sexa unha festa tamén para os máis novos, que veña xente de todas as idades de todo Santiago”, indica Inés Rey, membro da asociación organizadora. A entidade proponse seguir enxalzando o prato da cabra e facer a festa “ao grande”. Ademais do poder de atracción da orquestra Panorama, o evento contará no 2025 con dúas xornadas, nas que se incluirá unha exhibición de motociclismo e estará amenizada tamén pola discoteca móbil Chocolate.

Xornada moi animada

Mentres agardan xa con impaciencia as vindeiras edicións, os veciños do Eixo gozaron este domingo dunha xornada na que o tempo acompañou e a xente estivo “moi participativa”, segundo apunta Inés Rey, o que a leva a realizar unha valoración “moi positiva” do desenvolvemento da celebración.

O día comezou cunha sesión vermú que tivo o acompañamento musical do grupo Esfolladores de Illobre. A continuación, os comensais ocuparon os seus sitios nas mesas dispostas debaixo dunha carpa no campo da festa para degustar o menú, que incluíu empanada, polbo con cachelos e cabra con patacas. O prato estrela da festividade gastronómica prepárase dorando a cabra primeiro en aceite para pasar a continuación pola pota e secarse finalmente no forno. Non faltou a queimada para pechar o menú, elaborada co seu correspondente conxuro.

Pola tarde continuou a música cos Esfolladores de Illobre e coa cantante Laura Ocampos. Ademais, realizáronse diferentes sorteos entre os asistentes, incluído o dunha cabra viva. A festa continuou coa vista posta no gran evento que preparan no Eixo para o próximo ano.