SEGURIDADE

Por que non usar as cámaras do casco histórico para evitar roubos coma o da xoiería Camilo Regueira?

O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, esixíu que graven como medida disuasoria e pide o incremento de efectivos das forzas de seguridade nas rúas de Santiago

A xoiería Camilo Regueira, na rúa de San Miguel dos Agros

A xoiería Camilo Regueira, na rúa de San Miguel dos Agros / Antonio Hernández

O recente roubo nunha xoiería no Casco Histórico volveu provocar que os comenciantes reclamen máis seguridade nocturna para a zona. Tralo suceso ocorrido o pasado martes no que os ladróns esnaquizaron cunha tapa de alcantarilla o cristal da xoiería Camilo Regueira, ubicada en San Miguel dos Agros, e da que se levaron un botín que supera os 100.000 euros, os populares de Santiago esixen a Raxoi que utilice as cámaras que dependen do Concello para tentar evitar roubos como o da semana pasada.

Estado del escaparate de la joyería Camilo Regueira tras el robo del pasado martes / antonio hernández

Estado do escaparate da xoiería Camilo Regueira tralo roubo / Antonio Hernández

Así, o concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, esíxelle aos nacionalistas que poñan en marcha medidas que arranxen os problemas de inseguridade que está a sufrir a cidade, como o incremento de efectivos das forzas de seguridade, sobre todo, tendo en conta que Santiago é capital de Galicia, cidade universitaria e destino turístico mundial.

“Estamos a falar dunha falta de cerca dun centenar de axentes entre Policía Local e Nacional, persoal que sería necesario incrementar aos xa dispoñibles, co fin de afrontar, coas mínimas garantías, as necesidades de seguridade da cidade”, explicou.

Para o popular, é evidente que cos efectivos actuais non se poden configurar as patrullas e facer as rondas axeitadas, o que redunda nunha menor presenza policial na rúa, “unha situación, remarcou, que xa temos denunciado, incluso no Pleno, onde contou co apoio dun BNG que agora nada está a facer, nin tan sequera reclamar do Ministerio de Interior ese incremento de Policía Nacional ou xestionar un maior número de axentes da Policía local”.

Para de la Fuente, “é unha auténtica falta de respecto aos cidadáns que sofren esa delincuencia e aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade, que suplen a falta de efectivos coa súa sempre exemplar actitude e compromiso”.

Por outra banda, remarcou De la Fuente, “tamén lle temos reclamado ao BNG que poña a gravar, dunha vez, as cámaras de vixilancia instaladas na cidade e arranxe as que non funcionan, xa que ademais de ser un importante apoio na investigación e esclarecemento dos delitos, actúan de modo disuasorio”.

Así mesmo, explicou que desde o Partido Popular de Santiago, “lle temos reclamado tamén aos nacionalistas que melloren a iluminación da cidade, sobre todo, no Casco Histórico, xa que os veciños se queixan de que a falta de luz en moitos puntos da cidade crea un clima de inseguridade”.

Finalmente, José Ramón de la Fuente pídelle ao BNG que se tome en serio este grave problema, “que se poña a traballar en firme, na busca de solucións aos problemas de inseguridade que padece a cidade e que aparque a un lado os seus prexuízos ideolóxicos e use os medios dos que xa dispón para previr e perseguir a comisión de delitos”.