Recuperar a o Antigo Reino de Galicia para recobrar o orgullo

O Museo das Peregrinacións foi o escenario de presentación de ‘Personaxes da Galiza medieval II’, editado pola Asociación Cultural O Galo e a Deputación

Natividade González, Francisco Rodríguez, Pilar Reino, Alexandre Peres e Daniel Lorenzo durante a presentación

Natividade González, Francisco Rodríguez, Pilar Reino, Alexandre Peres e Daniel Lorenzo durante a presentación / Antonio Hernández

A Asociación Cultural O Galo, en colaboración coa Deputación da Coruña, presentou na mañá do sábado o terceiro dos cinco libros que ten proxectado editar sobre o Antigo Reino de Galicia, nomeadamente o período comprendido entre os séculos VI e XV. Trátase da obra Personaxes da Galiza medieval II, que segue ao volume primeiro e ao libro que levou título Os reis e as raíñas da Galiza

A presentación tivo lugar no Museo das Peregrinacións (praza das Praterías) e contou coa presenza de dous dos autores -Francisco Rodríguez e Alexandre Peres-, o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade Gonzalez. Pilar Reino, da Asociación Cultural (AC) O Galo foi a encargada de conducir o acto.

Un evento no que todos e todas as intervintes reivindicaron a memoria histórica, a importancia do Antigo Reino de Galicia e o seu esplendor, especialmente no período que se coñece como Alto medievo. Con este novo volume, segundo explicaba Pilar Reino, da AC O Galo, o que se pretende e “loitar contra a terxiversación” da historia reivindicado “o período de esplendor da nosa historia medieval” e poñendo de relevo “o peso do Reino de Galiza” na historia e no decorrer político ibérico.

“Esta liña de divulgación histórica da asociación O Galo vén suplir as deficiencias da investigación académica”

Francisco Rodríguez

— Co autor do libro

O ex deputado no Congreso e docente xubilado Francisco Rodríguez, autor da introdución deste novo volume, referiuse á AC O Galo como “dinamizadora desta liña de investigación e divulgación histórica coa que suple as deficiencias da investigación académica” neste eido. O ex profesor reivindicou así o coñecemento da nosa historia e incidiu, como Pilar Reino, na ocultación desta parte da historia de Galicia, cuxo reino se estendía, lembrou, “dende Ortegal ao Douro”.

A deputada Natividade González, que eloxiou o traballo d’O Galo e “visión propia respectuosa coas fontes” do libro que se presentaba, referiuse á asociación afirmando que “foi moi por diante das institucións e da propia universidade” en canto ao tema de Personaxes da Galiza medieval II. González, que fixo fincapé na “anomalía de ser unha nación que descoñece o seu pasado”, tamén sereferiu ás dificultades, dentro da propia institución da que forma parte para conseguir o seu apoio para este proxecto. 

“Este libro constitúe un traballo rigoroso e accesible para un lector medio non especializado en historia”

Daniel Lorenzo

— Director da Fundación Catedral de Santiago

Un dato que non deixou escapar Francisco Rodríguez que foi rotundo ao afirmar que hai “funcionarios, burócratas reaccionarios e partidos políticos que non acabaron de entender o feito nacional galego”.

Unha diferenciación á que tamén fixo referencia o doutor da UdC Alexandre Peres, que se referiu á “ocultación” da historia de Galicia tanto nos libros de texto e currículos escolares, coma nos “rueiros e prazas”, onde a diferenza doutros reinos, coma o de “León ou Portugal” non se manteñen eses nomes da propia historia. “Recuperar a memoria histórica que nos roubaron e en certo sentido nos seguen a roubar” é segundo el o obxectivo deste libro, por iso Alexandre Peres se referiu á “importancia de rescatar a memoria que nos arrincaron para quitarnos tamén o orgullo” de reino e de país.

Nunha liña moi similar pronunciouse tamén o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, que reivindicou que “recoñecer o que fomos e o que significou Galicia na realidade ibérica” tamén nos serve para “entender ese significado” no momento actual. 

Lorenzo, ademais de recomendar a lectura de Personaxes da Galiza medieval II por ser “un traballo rigoroso e accesible para un lector medio non especializado en historia”, como se recoñeceu el mesmo, tamén quixo destacar a “tarefa de divulgación” realizada polo asociación O Galo con este e outros volumes, un labor que, asegurou, “non é algo que parta dun pre-xuízo”.

“A asociación foi moi por diante das institucións e incluso da propia universidade en canto a este tema”

Natividade González

— Deputada de Cultura da Coruña

O director da Fundación Catedral quixo poñerlle deberes á AC O Galo e suxeriu que nos seguintes volumes engadan “referencias cronográficas e onomásticas para te non perderes entre tantos persoeiros”, comentou a xeito de chiscadela.

Personaxes da Galiza medieval

Esta obra céntrase en figuras como a de Dona Sancha, a derradeira raíña da Gallaecia (cuxo texto escribiu o docente xubilado Manuel Carriedo); Fernando e Vermudo Peres de TravaFernando Ruis de Castro (escrito polo profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres); Bernardo II, arcebispo de Compostela (da autoría do profesor da USC Xosé Manuel Sánchez); Paio Gómez Chariño e Pedro Fernández de Castro (cuxo perfil escribiu o enxeñeiro Héitor Picallo); e Afonso Soares de Deza, o príncipe dos infanzóns (escrito polo profesor Xosé Miguel Andrade, da USC).

“É importante rescatar a memoria que nos arrincaron para quitarnos tamén con el o noso orgullo”

Alexandre Peres

— Co autor da obra

Sumánse así á nómina de persoeiros de Personaxes da Galiza medieval I:Ilduara, Rosendo, Cresconio, Diego Peláez, Pedro Fróilaz, Diego Xelmírez, Estevo de Castro, Fernando Fernández de Castro, Pedro Soares de Deza e Pedro Muñoz.