Cine, música, coidados dos animais e saúde mental: o que máis interesa á mocidade compostelá

A primeira das actividades será o cinema ao aire libre a finais do mes de xuño

Os técnicos de Xuventude seleccionaron 10 proxectos

Os orzamentos participativos para a mocidade implicaron este ano a comunidade universitaria

Os orzamentos participativos para a mocidade implicaron este ano a comunidade universitaria / Antonio Hernández

A concelleira de Xuventude do Concello de Santiago, María Rozas, presentou na mañá do mércores o resultado dos orzamentos participativos para a mocidade da cidade. Un procedemento, con 100.000 euros adxudicados nos orzamentos de 2024, no que participaron máis dun milleiro de mozos e mozas de entre 16 e 30 anos e achegáronse case 300 propostas de actividades.

"É unha iniciativa importante", comentou a edil María Rozas sobre a recuperación deste proceso posto en marcha durante o Goberno de Compostela Aberta (CA) no concello entre 2015 e 2019, que demostra segundo afirma "que a veciñanza quere participar".

Acompañada polos técnicos do departamento de Xuventude, Rozas debullou os resultados de participación e apuntou as 10 iniciativas máis votadas, que agora se atopan en proceso de calendarización, aínda que durante a rolda de prensa no Pazo de Raxoi xa se determinou que a primeira delas, a que conseguiu un maior número de votos, se desenvolverá a finais do mes de xuño na Alameda: cinema ao aire libre.

"Ningunha proposta podía superar os 15.000 euros", lembrou Rozas para indicar que de entre as actividades propostas -un total de 286- se agruparon aquelas que eran coincidentes deixando unha cifra final de 103. Votaron 1.153 persoas, e 595 foron os votos que levou a primeira clasificada. Ademais, das persoas que votaron, foron válidos 811.

"Podemos executar 10 propostas en 2024 pero non descartamos que aquelas que quedaron fóra sexan inspiración para outros programas", indicou María Rozas, lembrando que xa se fixo deste modo en iniciativas como Boas Noites, Hortas Urbanas ou o curso de lingua de signos.

As 10 propostas gañadoras

Con maior número de votos fíxose co primeiro posto entre as propostas presentadas o cinema ao aire libre, que se desenvolverá na Alameda "con películas para todos os públicos e algunha con temática LGTBI pola proximidade do Día do Orgullo -28 de xuño-", segundo explicaron os técnicos de Xuventude.

En segundo e terceiro lugar triunfaron as propostas musicais, con petición dun concerto cun "artista de referencia" e a organización dun festival de música urbana. O interese da mocidade pola música quedou patente neste proceso participativo, pois tamén en quinta e sexta posición ficaron propostas desta índole -organización dun festival de diversos xéneros musicais e outro de artistas emerxentes no nivel local ou galego-. En oitava posición, triunfou a organización dun festival de música e cultura tradicionais.

O coidado dos animais tamén é un interese importante entre a xente máis nova, así a cuarta proposta deste decálogo refírese á realización dunha feira de adopción e a sétima á creación dun programa de voluntariado de atención de animais.

A décima das propostas que vai poñer en marcha a Concellaría de Xuventude refírese á saúde mental, unha cuestión de saúde pública que tamén interesa á mocidade de Santiago e que se vai concretar na organización dun ciclo de charlas divulgativas sobre a materia.

Evolución da participación

A edil de Xuventude, María Rozas, fíxo referencia a evolución na participación da mocidade nos orzamentos lembrando o primeiro ano de goberno de CA na cidade, en 2015, onde o total de votos foi de 104. No ano 2019 a suma de votos para as diferentes propostas foi de 222, mentres este ano o número foi de máis do doble respecto ao último ano de goberno de CA con 595.

Rozas fixo referencia a este incremento, que non só demostra "o interese da veciñanza por participar e dos mozos e mozas", senón que tamén se debe á implicación dende o Goberno local da comunidade educativa, "tanto dos centros de ensino da cidade como da comunidade universitaria", indicou a concelleira.