Cinema ao aire libre da man da sala NUMAX con obras de Laughton e Fassbinder

As proxeccións serán na rúa Concepción Arenal os días 5 e 6 de xullo a partir das 22.30 horas

Mitchum en ‘A noite do cazador’

Mitchum en ‘A noite do cazador’

Redacción

O Cinema NUMAX saca á rúa a proxección de dous filmes clásicos nas noites dos días 5 e 6 de xullo. Trátase de A noite do cazador, protagonizada por Robert Mitchum e dirixida por Charles Laughton e Chamámonos todos Alí, de Rainer Werner Fassbinder. Unha nova actividade desta sala, de carácter gratuíto, que prende “encher o verán de bo cinema”.

A primeira proxección ao aire libre arranca o mércores 5 de xullo ás 22:30 horas, ao final da rúa Concepción Arenal (na que ten a súa sede NUMAX) coa proxección dunha “obra mestra do cinema clásico, A noite do cazador, única película dirixida polo xenial actor británico Charles Laughton, que conta coas históricas actuacións de Robert Mitchum e Lillian Gish”. A historia sitúase no tempo da Gran Depresión, no sur dos Estados Unidos, e conta a historia de dous irmáns que ao quedaren orfos foxen do falso reverendo Harry Powell, encarnado por Robert Mitchum. “Unha fábula sobre a dialéctica entre o amor e o odio que conta cunha espectacular fotografía de Stanley Cortez”, explican dende a sala NUMAX.

Ao día seguinte, xoves 6 de xullo, no mesmo lugar e á mesma hora, abandónase o cine clásico para achegarse un icónico autor da modernidade do cinema, o alemán Rainer Werner Fassbinder quen, influenciado polo melodrama clásico de Douglas Sirk, filma a comprometida historia de amor entre un inmigrante marroquí e unha traballadora da limpeza viúva. Chamámonos todos Alí “é, a un tempo, unha emocionante historia de amor, un alegato contra calquera sorte de discriminación e un inclemente retrato da sociedade alemá do seu tempo”, afirman.

Esta actividade, coa que NUMAX estrea o mes de xullo compostelán na rúa, conta co apoio da Xunta a través dos Fondos FEDER. Unha iniciativa que pasa a integrar a listaxe de eventos da Libraría NUMAX onde, alén das presentacións de libros e das proxeccións no seu cinema, tamén para crianzas e para grupos escolares, conta coa iniciativa do Laboratorio, que “traballa a comunicación visual de xeito global, dende a produción gráfica á contorna dixital, deseño e desenvolvemento web”.