Parcela de Peleteiro: a Sareb rexeita todas as propostas do Concello de Santiago

A alcaldesa Goretti Sanmartín non pecha a porta a seguir negociando

Raxoi xa solicitou xuntanza cos ministerios de Vivenda e Facenda

Estado actual del antiguo colegio Peleteiro situado en el Ensanche de Santiago

Estado actual del antiguo colegio Peleteiro situado en el Ensanche de Santiago / Jesús Prieto

O Concello de Santiago deu conta na mañá deste luns do rexeitamento por parte da Sareb de todas as propostas presentadas dende Raxoi en canto a urbanización da parcela de Peleteiro. O Executivo de Goretti Sanmartín xa convocou os colectivos que integran a comisión Peleteiro para dar conta destas negociacións, a reunión será o vindeiro 18 de abril.

Sanmartín explicou que dende o Goberno non se deu conta até agora do resultado das negociacións por mor da discreción que solicitou a propia Sareb, afirmou que dende Raxoi se mantiveron na mesa as propostas dos anteriores gobernos, e mais novas propostas achegadas dende que o BNG accedeu ao Goberno municipal, e todas elas foron rexeitadas, aínda que o Executivo local non se pecha a seguir negociando.

A este respecto, Sanmartín fixo mención ás palabras da ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, que se referiu a que a Sareb debe estar ao servizo das políticas de vivenda e anunciou a solicitude do Goberno local de reunirse tanto con ese ministerio coma co de Facenda -de quen depende a Sareb-.

Licenza en curso, o proxecto da Sareb

O rexeitamento da Sareb implica que non se manteña un 20% de vivenda de protección na parcela de Peleteiro, tan só unha cesión de espazo público que lonxe de ser a praza que quería Santiago quedará, inicialmente, nun tramo de rúa peonil orientado a San Pedro de Mezonzo.

Segundo contou o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, está en trámite administrativo a licenza solicitada pola Sareb para a urbanización da parcela, paralizada agora á espera de que o planeamento subsane deficiencias detectadas polos técnicos municipais.

A urbanización que quere levar a cabo a Sareb contemplan soto, baixo e primeiro andar de uso comercial, o terceiro dedicarase a ocio e restauración, entre o primeiro e o sétimo andares serán para uso de oficinas e do cuarto ao oitavo estableceranse vivendas, un total de 41 de uso libre, ningunha de protección.

Todos os usos contemplados deben cumprir as condicións de non superar os 1.000 metros cadrados e dispor de acceso independente.