Está cerca a solución á parcela de Peleteiro? A comisión únese para pedir ao Goberno central unha reforma do planeamento

A xuntanza cos ministerios de Economía e Vivenda será o día 10 de maio

As claves: menor edificabilidade e máis usos residenciais

Apelan ao Goberno central e a que Sareb sexa unha ferramenta ao servizo das políticas de vivenda

A comisión mixta de Peleteiro reuniuse no salón de plenos de Raxoi na tarde de onte

A comisión mixta de Peleteiro reuniuse no salón de plenos de Raxoi na tarde de onte / Antonio Hernández

“A Comisión mixta sobre Peleteiro acordou por unanimidade solicitar do Goberno central unha modificación do planeamento urbanístico na parcela”. Así o comunicaba ante a prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, logo da xuntanza leva a cabo no salón de plenos do Pazo de Raxoi. “É fundamental chegar a un acordo coa propiedade”, manifestou Sanmartín en nome de toda a comisión (integrada polos grupos da Corporación local e o asociacionismo veciñal, social e comercial da zona).

Pese á “lóxica frustración por non ter sido capaces colectivamente de resolver a cuestión con anterioridade”, a alcaldesa daba conta da súa satisfacción logo da xuntanza pola “actitude construtiva das asociacións e dos representantes dos grupos da Corporación”. Unha disposición unánime de “mirar para o futuro, adoptar conxuntamente unha posición de cidade e conseguir o acordo coa propiedade”.

Sanmartín explicou que o pacto da Comisión mixta se substenta sobre tres cuestións básicas: unha menor edificabilidade, modificación de usos para que se prime o residencial, “é dicir, máis vivenda e menos locais comerciais”, especificaba Sanmartín, e unha mellora da ordenación urbanística. “Estas serán as premisas coas que iremos á reunión cos ministerios o vindeiro 10 de maio en Madrid para tratar o tema”. 

Sobre esta xuntanza, cuxa solicitude comunicaban á prensa o pasado luns a alcaldesa e o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, Goretti Sanmartín explicou: “Entendemos que é o Goberno do Estado quen ten que dar un paso, definir que realmente está polas políticas de vivenda e que a Sareb cumpra con aquilo que se pensa que é o ten que facer, ser unha ferramenta ao servizo da política de vivenda, tal e como comentou recentemente a ministra” -en referencia ás declaracións da titular de Vivenda, Isabel Rodríguez-.

Ante o acordo da Comisión mixta e a próxima cita cos ministerios de Economía e Vivenda a alcaldesa considera que “queda unha porta entreaberta á posibilidade da modificación do planeamento consensuada coa propiedade, todos entendemos que ten que ser con ese acordo e é no que o Gobero local vai traballar a partir de agora”. Neste sentido, e preguntada pola diferenza entre a situación actual e os anteriores intentos de acordo coa Sareb frustrados, Sanmartín puxo enriba da mesa a licenza solicitada agora pola propiedade e que está en trámite administrativo, xunto ao rexeitamento da Sareb aos proxectos presentados dende Raxoi, polo que ante “unha situación extraordinaria buscamos unha solución extraordinaria, coa implicación real do Goberno do Estado”. 

Sobre un posible bloqueo das negociacións en relación, particularmente, co espazo público que se debe contemplar na parcela e que xa paralizou outros posibles acordos, a alcaldesa insistiu en que “agora hai unha responsabilidade moi grande por parte de todas as persoas que participaron na comisión, sabemos o que nos estamos a xogar”. Razóns polas que ven necesario renovar o acordo para que o Goberno central “saiba o que pide o Concello de Santiago pois del depende a Sareb, e ten que ser consciente de que se está de acordo coas políticas de vivenda é necesario que aprobe unha reforma de planeamento nesa parcela.” 

Así pois, o vindeiro 10 de maio os representantes da Comisión mixta da parcela de Peleteiro tratarán de convencer a Sareb de facer esa muda “reducindo edificabilidade, cambiando os usos por outros máis residenciais e modificando a ordenación urbanística”, insistiu. 

Un PSOE construtivo se non se adopta unha vía unilateral

A edil socialista Mercedes Rosón lamentou o último proxecto rexeitado polo Pleno local durante o mandato de Sánchez Bugallo, pero asegurou que a formación manterá unha actitude “construtiva” coas novas negociacións “sempre e cando non se opte pola vía unilateral”. 

O ex alcalde Sánchez Bugallo falou onte tamén sobre esta cuestión, lamentando que por intereses electorais o pleno non apoiase o proxecto do PSOE e advertindo a Sanmartín que “Estado e Sareb” non son o mesmo.