Parcela de Peleteiro: o delegado do Goberno confirmará nunha semana a Sanmartín que se pode facer

A alcaldesa de Santiago reuniuse co delegado Pedro Blanco e trasladoulle as necesidades prioritarias da cidade, o incremento do orzamento do Consorcio e da participación estatal nas obras de Orbital e Orbitaliño entre elas

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco / Jesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reuniuse este mércores co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para situar Compostela "no século XXI", segundo o propio Blanco. A parcela de Peleteiro, a estación depuradora da Silvouta, e as obras de Orbital e Orbitaliño foron algúns dos temas tratados na xuntanza entre a alcaldesa e Pedro Blanco, cuxos gabinetes de traballo permanecen en contacto para desenvolver os traballos acordados segundo explicaron ambos os dous políticos.

Goretti Sanmartín agradeceu a Pedro Blanco que estivera dispoñible "en pleno agosto" e trasladoulle diversas necesidades locais como que a Sareb (o banco malo) ceda ao Concello a parcela de Peleteiro para habilitar "vivenda de protección, un centro de día e unha gran praza pública", como reclama o goberno local e parte da veciñanza. Algo ao que o delegado do Goberno se comprometeu a dar resposta a vindeira semana, "se se pode facer e se non se pode ver as alternativas". 

As obras da Silvouta foi outro dos temas tratados na xuntanza. A estación depuradora (EDAR) está agora en licitación e o concello pídelle ao Estado que revise a partida orzamentaria disposta. Pedro Blanco reivindicou os case corenta millóns que achega o Estado, o 68% do orzamento, e comentou o feito de que a Xunta manteña unha cantidade orzamentaria fechada. O delegado do Goberno tamén definiu esta depuradora como "moi necesaria, non só para Santiago senón tamén para os concellos da contorna".

O incremento da dotación orzamentaria do Consorcio, agora sustentado por fondos europeos, na maior parte, foi outro dos temas primordiais tratados nesta xuntanza. A alcaldesa Sanmartín pula por ir achegando a dotación económica desta institución, que actualmente está nos 4.783.000 euros, ás cifras previas á crise de 2012 (7.421.000 euros) por ser esta institución unha ferramenta fundamental “para a rehabilitación da cidade histórica e para a mellora da calidade de vida nela”, afirmou Sanmartín.

A alcaldesa de Santiago tamén lle trasladou a Pedro Blanco a “petición unánime dos grupos da Corporación municipal e de diferentes entidades cidadás de que exista un xulgado de violencia de xénero de Santiago”. E nesta mesma liña, tendo de acordo a toda a corporación, Sanmartín referiuse á estación de mercadorías da Sionlla, necesidade tamén corroborada polo Foro Cívico.

A estación intermodal foi outro dos temas tratados entre a rexedora e o delegado do Goberno, en concreto o seu aparcadoiro. “A nós gustaríanos que fose un aparcamento soterrado” incidía a alcaldesa “pero esa non foi a solución dada”. Agora, as 360 prazas de aparcamento móstranse insuficientes “así que é necesario un novo aparcadoiro”. Sanmartín falou de construír nunha área de 21.000 metros cadrados, o que dará lugar a unhas 900 prazas de párking en superficie. “Que se faga da maneira máis estética e de maior integración paisaxística”, recalcou. Tamén en relación á intermodal e de “maneira simbólica” a alcaldesa trasladoulle a Pedro Blanco a petición do goberno local de nomear a estación como "Daniel Castelao".

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, durante a súa visita institucional ao Consello de Santiago

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, durante a súa visita institucional ao Consello de Santiago

As obras do Orbital e do Orbitaliño foron outra das cuestións tratadas nesta primeira xuntanza de traballo entre a alcaldesa e o delegado do Goberno. “Está realizado o 83% pero na súa fase final fixo falta que se modifiquase o proxecto por problemas relacionados con drenaxes e balizamentos, agardamos que estea finalizada nos próximos meses”, explicaba a alcadesa de Santiago. No caso do Orbitaliño, a rexedora trasladou as alegacións do Concello e de asociacións veciñais e agarda que se lle dea “unha volta” dende o Goberno central “para incluír esas melloras e que cause o menor impacto no territorio” que sexa posible. “Unha obra necesaria que hai que desenvolver si ou si e que afecte o menos posible ao territorio e que se atendan as necesidades de saneamento e abastecemento”, dixo Sanmartín. Algo que tamén corroborou o delegado do Goberno, Pedro Blanco, que se referiu a estas obras como “proxectos vitais e estratéxicos para Santiago”, na procura de “mellorar a accesibilidade aos polígonos industriais e ao aeroporto e mellora na calidade de vida da veciñanza”.

Pedro Blanco tamén se referiu ás obras na estación de tren e ao Sistema ERTMS (Sistema Europeo de Xestión do Tráfico Ferroviario) do Eixo Atlántico e tamén a estación de tren do século XXI, novo edificio que se adaptará á realidade da estación e novos espazos públicos para o goce da cidadanía, o investimento do goberno supera os 30 millóns de euros.

A “humanización” da rotonda de Conxo foi outra das peticións da alcaldesa de Compostela, que recalcou a necesidade de “retomar ese proxecto, co que se comprometeron diferentes ministras e ministros pero que non se levou a cabo” e que, en palabras da rexedora, “fragmentou o barrio de Conxo”.