En Santiago ou no rural? Por que os maiores están máis satisfeitos coa vida na cidade

Un estudo pioneiro a nivel internacional da USC realiza catrocentas enquisas a residentes dos concellos de Santiago, Mazaricos e Outes 

Unha persoa maior mirando por unha ventá

Unha persoa maior mirando por unha ventá / Gustavo Santos

Analizar a satisfacción das persoas maiores coas súas vidas e os seus factores determinantes, a soidade e a autoestima, en función do lugar de residencia foi o principal obxectivo dun estudo pioneiro a nivel internacional realizado polos investigadores da Universidade de Santiago Sara Rey Beiro e Fidel Martínez-Roget. “Teoricamente as investigacións científicas din que a satisfacción da vida depende deses factores e nós corraboramos que canto maior é a soidade menor é a satisfación e a autoestima. Ademais, unha maior autoestima tradúcese en máis satisfacción coa vida. Ao mesmo tempo, a autoestima inflúe na satisfaccién e reduce o impacto negativo da soidade nas persoas maiores”, explica en detalle con EL CORREO GALLEGO Fidel Martínez Roget, profesor de Economía Aplicada da USC e do mestrado de Xerontoloxía.

O artigo, titulado ‘Rural-urban differences in older adults’ life satisfaction and its determining factors’ e publicado recentemente na revista Helion, apoiouse nun traballo de campo desenvolvido en tres municipios da provincia de A Coruña, Mazaricos, Outes e Santiago. En total realizáronse 200 enquisas en cada contorna “para ver si había incidencia sobre as súas condicións de vida subxectivas”. 

A mostra reunía a persoas maiores de sesenta anos, e como requerimentos poñíase que non estiveran en residencias ou centros e que, a maiores, non tiveran un grao de dependencia. Os datos recolléronse entre 1 de agosto e 31 de setembro de 2022 a través de entrevistas de carácter presencial. Nunha escala de 1 a 5 debíase valorar unha serie de ítems para medir a soidade. 

En definitiva, o estudo reflexa que o lugar onde viven as persoas maiores ten un efecto significativo sobre as relacións entre a soidade, a autoestima e a satisfacción coa vida. As relacións son máis fortes no grupo de maiores que residen na cidade. “Iso é en parte porque os niveis de soidade manifestados por estas persoas son máis elevados no urbano que no rural a pesar de que viven rodeadas de máis xente pero as relacións son menos intensas”, manifesta o investigador.

“Os niveis de soidade manifestados por este colectivo son máis elevados no urbano que no rural a pesar de que viven rodeadas de máis xente, pero as relacións son menos intensas”

Fidel Martínez-Roget

— Profesor de Economía Aplicada da USC

A principal conclusión do estudo é que a satisfacción coa vida das persoas maiores na cidade é máis alta. En palabras de Fidel Martínez, esta situación dase ao existir “factores socioeconómicos como o tipo de renta e a vivenda” que inflúen no día a día.

No entorno rural a pesar dese maior tecido de rede social que fai que os niveis de soidade sexan menores non se traduce nunha maior satisfacción na vida ao existir “unha serie de eivas como unha menor dispoñibilidade de transporte público, centros sanitarios, ou outros servizos como Internet”. As vantaxes dos espazos rurais serían un mellor medio natural, menos contaminación ou máis espazos verdes para pasear e facer exercicio.

Pola contra, a cidade ofrece unhas mellores condicións socio-económicas, maior nivel de formación e de renda per cápita, así como un maior número de oportunidades de emprego, e educativas. Sen embargo, os niveis de soidade “a pesar de vivir rodeados” son superiores. Por isto, o investigador ve conveniente poñer en marcha prácticas “para fortalecer as relacións dos maiores no urbano”. 

Tras discutir as condicionantes en ambos ámbitos de residencia, os investigadores propoñen ofrecer recomendacións do que se debería de facer para tratar de mellorar esa satisfacción dos maiores coas súas vidas.