A Xunta licita o mobiliario para humanizar a nova sala de espera do Hospital Clínico

O equipamento que se instalará na terraza do CHUS este ano suporá un investimento de máis de 260.000 euros

O contrato inclúe a subministración de butacas xiratorias, sofás modulares, cadeiras con brazos, bancos e mesas auxiliares 

Será necesario reformar a terraza, cun investimento total previsto dun millón de euros

Infografía da terraza do CHUS onde se instalará a sala de espera de oncoloxía

Infografía da terraza do CHUS onde se instalará a sala de espera de oncoloxía / cedida

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica hoxe no Portal de Contratos a licitación, por importe de 267.146 euros, do mobiliario que se instalará na nova sala de espera do hospital de día de oncohematoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela co obxectivo de humanizar un espazo utilizado en 2023 por 2.812 pacientes diferentes.

O contrato inclúe a subministración de butacas de espera xiratorias, sofás modulares, cadeiras con brazos, bancos lineais, bancadas e mesas auxiliares multifunción que serán entregados no prazo de dous meses desde a formalización do contrato.

Ademais do mobiliario, será necesario reformar a terraza onde se situará a nova sala de espera do hospital de día compostelán, cun investimento total previsto dun millón de euros.

Para fixar as necesidades da intervención, a Consellería de Sanidade, a xerencia da área sanitaria e responsables do servizo de oncoloxía reuníronse cunha representante dos pacientes para ter en conta as súas peticións. Así, acordouse habilitar un espazo para cadeiras de rodas nas entradas do hospital de día e na sala de espera; instalar chamadores ao persoal de enfermaría; puntos de carga de dispositivos móbiles; máquinas de vending; un aseo para persoas con discapacidade e cadeiras ou butacas con repousabrazos. Todo isto nunha terraza que suporá dispoñer dun espazo máis amplo e con vistas ao Monte de Moas, potenciando o impacto positivo nas emocións ao estar en contacto coa natureza.

Media de 200 pacientes ao día

Durante o ano 2023, no Hospital Clínico Universitario de Santiago realizáronse 23.764 actos asistenciais no hospital de día de oncoloxía. En concreto, foron realizados 1.113 tratamentos curtos (menos dunha hora de tratamento), 5.478 tratamentos medios (entre unha e tres horas) e 7.955 tratamentos longos (máis de tres horas). En total utilizan estas instalacións unha media duns 200 pacientes ao día, ademais das persoas que os acompañan. 

En función das necesidades específicas de cada paciente, o tempo de espera varía e a media sitúase en tres horas, incluíndo unha hora entre a análise de sangue e a consulta médica e dúas horas entre a consulta médica e o inicio da administración do tratamento. Nos hospitais de día oncolóxicos desenvólvese o coidado integral de pacientes con cancro, que consiste en, desde unha análise de sangue, unha consulta médica, de enfermería, farmacéutica ou psicolóxica, a unha preparación farmacéutica e a administración dos tratamentos no mesmo día. Existen máis de 300 procedementos diagnósticos e terapéuticos que poden durar desde uns minutos a 8 ou 9 horas.