A Fundación Eugenio Granell inicia a súa andaina en 1995 trala sinatura dun convenio entre o artista surrealista Eugenio Granell e o Concello de Santiago. Con sede no Pazo de Bendaña, na céntrica praza compostelá do Toural, a Fundación alberga obras do propio artista, as súas coleccións surrealista e étnica e, a partir do ano 1997 as obras doadas polo artista surrealista inglés Philip West, quen tamén nos legou a súa colección de libros surrealistas. 

Ademais desta actividade relacionada estrictamente co mundo da arte, é desexo da Fundación converterse nun lugar de creación e promoción cultural. Así, a través do Departamento Pedagóxico organiza obradoiros, visitas guiadas e actividades para escolares e colectivos de todas as idades que o soliciten; conta ademais cos Amigos Infantís e Xuvenís, aos que se lles ofrece unha programación especial cada mes. 

O Departamento Cultural organiza outra serie de actividades entre as que se atopan concertos, teatro, recitais de poesía, conferencias... A Fundación dispón dunha tenda e dunha biblioteca especializada en surrealismo.

Calquera persoa ou entidade pode colaborar a través de Amigos da Fundación.