Síguenos en redes sociales:

Rocío DonoPodóloga e vicepresidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia

“Trala pandemia aumentou a preocupación pola saúde dos pés”

A podóloga asegura que hai unha tendencia á alza do coidado da saúde en xeral

“Trala pandemia aumentou a preocupación pola saúde dos pés”

Os podólogos galegos confírmano: cada vez hai máis preocupación pola saúde en xeral, e polo tanto tamén polos pés. Con todo é especialmente no verán cando nos acordamos deles. Coa chegada da calor, os profesionais advirten da necesidade de protexelos do sol e das superficies quentes. É recomendable, segundo indica Rocío Dono, podóloga e vicepresidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA), empregar crema solar, xa que estiveron todo o ano tapados. Ademais lembra que o empeine é a zona máis sensible e na que máis se debe incidir con protección para evitar lesións malignas como o melanoma lentixinoso acral, un tipo de melanoma que afecta á planta do pé.

Agora que chega o verán parece que moita xente se acorda dos pés. Ten a mesma opinión?

O que estamos percibindo nas consultas de podoloxía nos últimos anos é que cada vez hai unha tendencia máis a alza do coidado da saúde en xeral, tamén da saúde podolóxica. Durante todo o ano recibimos a moitos pacientes que pasan pola consulta antes de que apareza a patoloxía, a modo de prevención. Hai que dicir que os profesionais coincidimos en que trala pandemia aumentou a preocupación pola saúde dos pés porque nos demos conta de que a saúde é o máis importante que temos. Pero si que é certo que cando chega o verán hai un aumento nas consultas. É o momento de pór os pés ao aire e ensinalos... pero non aumentan os pacientes por unha cuestión meramente estética senón que influé moito o cambio de calzado. Unha boa parte da xente sofre molestias ou algunha patoloxía ao facer ese proceso.

Como hai que protexer os pés da calor e cal é a parte máis vulnerable ao sol?

De cara o verán é moi importante o uso de crema solar. Como ben sabemos, debemos protexer todo o corpo pero nese sentido os pés son máis vulnerables porque sempre van tapados. A zona na que máis hai que insistir é no empeine porque sempre vai tapada e porque os raios solares inciden directamente. A parte da protección solar tamén é importante coidalos escollendo ben o tipo de calzado para evitar a sudoración e elixir ben os calcetíns.

Cal é o calzado máis recomendable nos meses de calor?

Aquel que permite que o pé transpire. É dicir, fibras naturais e calzado aberto. Iso si, hai que ter coidado e evitar as chanquetas, porque debe ir ben amarrado. Se o pé non vai suxeito poden producirse caídas e lesións. As chanquetas, iso si, son importantes nunha piscina ou na praia para protexernos de contaxios.

E na caso dos pequenos que empezan a camiñar, que tipo de calzado é o mellor para facer fronte á calor?

A principal recomendación é que estean descalzos o maior tempo posible. No caso de que teñamos que calzalos para protexelos porque saímos á rúa por exemplo, o calzado debe ser o máis parecido posible a camiñar descalzo. É dicir, deben ter unha sola fina, ser blandos e sen contrafortes e respetar o ancho do pé. É bo que teñan un sistema de regulación con velcro ou cordóns para suxeitar máis ou menos o empeine. Pero, repito, sobre todo nos nenos que empezan a camiñar o importante é que camiñen descalzos, sempre que estean nun lugar seguro. De feito moitas veces é máis doado que caian por levar un calzado inapropiado que por ir descalzos, xa que eles co pé adáptanse moi ben ás irregularidades do terreo.

Como debe facerse o cambio de calzado de inverno ao de verán?

É interesante, sobre todo ao principio, empregar calcetíns e pinquis de fibras naturais para evitar rozaduras, porque cando se fai a transición de calzado moitas veces o pé non está preparado, xa que está acostumado a estar cerrado. Entón se de golpe pasamos a usar sandalias sen ningunha protección é máis doado que aparezan ampolas ou rozaduras. O ideal é facer o cambio de forma progresiva e pór os calcetíns ou pinquis sempre que o calzado o requira.

O ideal é facer o cambio de calzado de inverno a verán de forma progresiva e pór os calcetíns ou pinquis sempre que o calzado o requira

No caso de que saian ampolas, como recomenda curalas?

Hai que desinfectar a zona, usar calzado que non roce e nunca sacar a pel. Pode empregarse unha protección con apósito.

Como pode evitarse o exceso de sudoración?

Para protexer os pés da calor, no caso de pacientes que padezan exceso de sudoración, o recomendable é unha consulta. É así porque nesos casos pautamos tratamento con polvos secantes para controlar ese exceso de sudor e evitar que aparezan patoloxías como fungos, por exemplo.

Hai un tipo de melanoma que afecta aos pés. Con que frecuencia se dá?

É o melanoma lentixinoso acral. Nos últimos anos detectouse un aumento da incidencia. Aínda que en España é moi baixa, existe unha alta taxa de mortalidade se non se diagnostica precozmente. Normalmente tárdase moito en facer o diagnóstico porque pasa máis desapercibido ou porque se confunde con outro tipo de lesións. Entón incidimos sempre en que é moi importante localizalo a tempo.

Nos últimos anos detectouse un aumento da incidencia do melanoma lentixinoso acral, cunha alta taxa de mortalidade se non se diagnostica precozmente

Como pode previrse?

Para previlo a protección solar é básica porque unha queimadura pode evolucionar a un melanoma lentixinoso acral. Outra forma boa de evitar esta doenza é facer consultas periódicas para detectalo o antes posible. Canto antes se descubra, mellor será o pronóstico.

E cal é o tratamento unha vez se diagnostica?

Cando en consulta vemos unha lesión que pode ser sospeitosa, o primeiro que facemos é unha inspección visual seguindo o protocolo ABCDE que valora a asimetría, o borde, a cor, o diámetro e a evolución desta lesión. Despois tamén se usa o dermatoscopio para analizar o traumatismo en maior profundidade e diferenzar as estruturas. En función dese resultado valoramos a necesidade dunha biopsia, e despois xa se plantexaría o plan de tratamento xunto cun oncólogo.

Cada canto tempo recomenda visitar ao podólogo?

A recomendación é acudir polo menos unha vez ao ano para facer unha revisión e comprobar se hai algunha lesión sospeitosa.

Pulsa para ver más contenido para ti