A historia da igrexa nova de San Ginés xa está a salvo nun libro

Preséntase o volume que recolle o valor deste templo que naceu a raíz do desexo do párroco Ramón Somoza de ter un espazo máis grande no que albergar a visitantes e veciñanza

É unha obra colectiva que consta de case 250 páxinas 

J. M. García Iglesias (1º esquerda) xunto ao resto de autores do libro, este xoves durante a presentación na igrexa

J. M. García Iglesias (1º esquerda) xunto ao resto de autores do libro, este xoves durante a presentación na igrexa / ECG

Galicia agocha grandes tesouros arquitectónicos que enriquecen o noso patrimonio artístico, pero aos que ás veces non se lles dá a importancia que merecen ao non existir ningún documento escrito que acredite o seu valor. E é que se algo non pode lerse, non existe. Precisamente para evitar este esquecemento e dar a coñecer a súa importancia, o párroco de San Ginés de Padriñán (Sanxenxo), Samuel García Tacón, tomou a decisión de pór en marcha a elaboración dun libro sobre a igrexa parroquial do lugar, que ampliase as escasas páxinas que Alejandro Barral deixara incompletas. E o propósito non só se cumpriu senón que superou todas as expectativas. E é que a nova igrexa parroquial de San Ginés de Padriñán, construída entre 1965 e 1976, conta agora cunha publicación a todo detalle de case 250 páxinas que comezou a elaborarse hai un ano e que leva por título La nueva iglesia parroquial de San Ginés de Padriñán. Historia y ser de un sueño hecho realidad.

Para sacar adiante o ambicioso proxecto, o párroco contactou co catedrático de arte da USC, José Manuel García Iglesias, que se encargou de elaborar toda a parte histórico-artística, que se complementa cunha serie de documentos que dan máis luz ao traballo.

E é que se trata dunha obra colectiva, pois ademais do catedrático o volume atesoura un prólogo do arcebispo Julián Barrio, unha introdución do párroco Samuel García no que explica os obxectivos da obra, séguelle un capítulo de carácter histórico de José Manuel Abel Expósito, que recolle como na última parte do século XIX e na primeira do XX hai unha intención de facer un novo templo e traballa todo ese precedente ata a súa construción. O capítulo segundo é de Manuel Morán e Alejandro Barral, e supón a parte máis humana. Hai que nomear tamén como artífice dos textos ao autor Isidoro Sabell.

É precisamente o texto de Barral o que serve para dar paso ao de García Iglesias. “Fai unha semblanza sintética do templo e eu trato despois nun capítulo á parte de explicar como foi cambiando o proxecto arquitectónico do mesmo”, conta. Ademais ao longo do seu traballo o catedrático resalta a importancia das distintas pezas que alberga a igrexa grazas ao labor de moitos artistas galegos que compuxeron os elementos de maior valor do templo de San Ginés como Cástor Lata “cunha representación da Asunción que segue a estela das mellores representacións do Barroco compostelán”, Fernando Mayer “dando ser ao sagrario máis fermoso, no seu interior, de Galicia, na última centuria”, ou Suso León, “que levou ao bronce distintas obras aquí presentes”.

Xunto aos textos do libro non faltan as fotografías de Xulio Gil, un magnífico traballo que serve para ilustrar e dar valor ás liñas que compoñen o volume, un volume que como ben di García Iglesias “non pasa de moda pois estamos ante un libro que terá a mesma importancia agora ca dentro de 10 anos. Será sempre unha obra de referencia deste tipo porque non había nada escrito ao respecto. A xente que se achegue a Sanxenxo coñecerá grazas a este traballo a nova igrexa, xa que hai moitos que só sabían da vella”.

E é que precisamente a obra relata o tesón de Ramón Somoza, o párroco daquel entonces, á hora de construír un templo que puidese albergar a 800 persoas (obxectivo que se conseguiu) ao quedar a vella igrexa insuficiente. “A igrexa actual xorde por problemas de espazo. A primeira que tivo Sanxenxo data do 1500 e é de tamaño moi reducido polo que xa nos anos 60 se decide facer un novo templo. Ramón Somoza foi quen asumiu o reto. Cada vez veranea máis xente por esta zona e ademais os veciños foron crecendo ao longo destes anos, polo que se solucionou un problema importante e creouse unha obra de arte moi interesante”. E é que nos 60 “hai un xeito distinto de concibir o pastoral e litúrxico e neses anos de cambio asúmese un reto que abre un camiño novo porque o vello das igrexas tradicionais deixaba de ter sentido coas novas normas. É pioneiro e vai da man da senda que anuncia o Concilio Vaticano II”. Foi o arquitecto Gaspar Robles Echenique quen se fixo cargo das súas trazas.

Presentación

Na propia igrexa tiña lugar onte a presentación do libro, nun evento que contou coa presenza dos arcebispos Francisco José Prieto, Julián Barrio e Julio Parrilla. Interviron os autores José Manuel Abel Expósito, Isidiro Sabell, Xulio Gil e José Manuel García Iglesias. Tamén acudiron ao acto o alcalde de Sanxexo, Telmo Martín, en representación da Corporación municipal, e o conselleiro de Cultura Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, en nome da Xunta.

De momento saíron 300 exemplares deste libro, autofinanciado e editado por Tórculo, que pode adquirirse na libraría Nós ou no propio templo. “Agardamos que moi pronto se encargue unha segunda edición porque está a ter moi boa acollida”, asegura García Iglesias.