Brión perde un Grand Prix que merecía gañar

O municipio coruñes quedou eliminado na última sección, ´El diccionario´, despois de destacar en case todas as probas

O alcalde e os participantes agradecen que o programa dese a coñecer a vila a nivel nacional

A Carballeira encheuse de xente que viu o concurso nunha pantalla xigante a noite do luns

Brión: protagonista absoluto del Grand Prix de esta semana

Javier Rosende Novo

A noite do luns Brión enteiro miraba o reloxo á espera de que desen as 10.35. Cando as agullas marcaron a hora exacta a veciñanza xa estaba acomodada –con ou sen asento– na Carballeira de Santa Minia. O motivo? Ver todos xuntos o debut de Brión no Grand Prix, o coñecido concurso familiar de RTVE que volve tras case 20 anos desaparecido da pequena pantalla. A historia de Brión neste mítico programa e de como logrou facerse un nome no panaroma nacional remóntase a unha chamada de RTVE coa que os convidaron a formar parte do espectáculo. “Dixéronnos que enviásemos un vídeo no que mostrásemos o máis relevante do concello. Logo entre todos os presentados escollerían os oito municipios que participarían. E efectivamente fomos elixidos, e deberon convidar a uns 10.000 pobos de entre 5.000 e 10.000 habitantes”, conta J. Antonio Vidal, concelleiro de Obras e Medio Rural e un dos concursantes máis veteranos.

Precisamente o edil protagonizou un dos momentos máis simpáticos do vídeo, tanto foi así que cando o programa foi gravar á vila volveron recrear a escena. “Subín a unha árbore. Eu dedicábame á telefonía móbil e estou acostumado ás alturas e pensei que estaría ben imitar a proba da ‘cucaña’. Outros nun regato simularon os clásicos ‘troncos locos’, o alcalde recreou a ‘patata caliente’... O certo é que fixemos un vídeo moi bo, está mal que o diga eu, pero estaba xenial”, asegura.

O seguinte paso foi seleccionar os concursantes. O perfil son persoas de entre 20 e 40 anos e en boa forma. “Eu pásome un pouco na idade pero practico moito deporte, de feito era o presidente do Club Atletismo Brión”, conta J. Antonio. Os interesados cubriron un formulario e enviaron un vídeo no que amosaban que eran capaces de facer sentadillas ou flexións. Foron 35 os afortunados, e xunto a eles desprazáronse a Madrid máis dun cento de veciños para animalos. Unha noite de viaxe despois, o equipo brionés chegaba ao plató do Grand Prix, en Fuenlabrada, disposto a pór todo da súa parte para gañar. “Estábamos moi cansos porque viaxamos en autobús toda a noite, pero iso non serviu para frearnos”, conta Iria Gosende, unha das participantes, de tan só 21 anos.

O equipo de Brión, o azul, no plató do Grand Prix / Cedida

O equipo de Brión, o azul, no plató do Grand Prix / Cedida

E dende o minuto 1 Brión demostrou que non só ían con gañas, senón que ademais tiñan o talento necesario para pasar con solvencia as complicadas probas. ‘Gaviotas malotas’ foi a primeira e xa a vila brionesa se declarou vencedora. Catro puntos para Brión e dous para Yepes, o equipo rival procedente de Castela e León.

A segunda, ‘La guardería’ dáballe a vitoria a Yepes e igualaba o marcador. Nas dúas seguintes, ‘Abejas a lo loco’ e ‘Juego de dragones’ deuse un empate entre ambos concellos. Os marcadores anotaban 12 puntos cada un. A icónica ‘Patata caliente’ chegaba para ofrecer o desempate e Brión saíu malparado. En ambas ocasións arrancou o equipo de Yepes polo que cando a famosa ‘patata’ chegou a Brión apenas quedaba tempo para responder. A humorista galega Carolina Iglesias, madriña do equipo brionés, non tivo tempo nin de pestanexar. “No he podido hablar”, lamentábase. E na segunda ronda, máis do mesmo. O alcalde, Pablo Lago, tiña escasos minutos para responder unha pregunta que el mesmo considerou “moi complicada”. E é que tiña que adiviñar o número do gordo da Lotaría Nacional de 2022.

Pero os brioneses non se viñeron abaixo en ningún momento. Gañan a seguinte proba, ‘Tiro al pingüipato’ e volven empatar. Chega o momento doutra sección nova, ‘Alicia en el pais de las caidillas’, unha das máis complexas, na que van ataviados con perrucas imposibles, falda ou orellas de coello, e na que teñen que facer un percorrido no que o mareo está grantido, cuns caldeiros cheos de bolas. E aquí Brión lócese e demostra o que xa se viña intuíndo: a súa superioridade a nivel físico.

‘Los troncos locos’ dálle outra vitoria máis que sobrada a Brión e o mesmo volve suceder nos bolos. José, o encargado de lanzar a pelota xigante cos ollos vendados, deulle a Yepes unha clase de como se fai.

Chegado a este punto, Brión saboreaba xa a máis que merecida vitoria: 26 puntos fronte aos 20 de Yepes. Quedaba a última proba, ‘El diccionario’, na que o presentador vai dicindo termos e definicións e os concursantes deben decidir se é certo ou non. Tátase dunha sección que non depende de ningunha habilidade, só do azar e a sorte, polo que calquera esforzo anterior é practicamente inútil. Yepes acertaba tres de tres e Brión só adiviñaba unha palabra. E como a proba indica que por cada erro se perden tres puntos, para sorpresa de todos, quedaba descalificado.

Pablo Lago, 3º esquerda, xunto a Carolina, Ramón García, e o resto de presentadores e participantes / cedida

Pablo Lago, 3º esquerda, xunto a Carolina, Ramón García, e o resto de presentadores e participantes / Cedida

“É unha proba, según penso, moi inxusta”, considera J. Antonio. “Levamos un chasco”, revela Iria. “É inxusto que nunha última sección se xogue todo, despois de pasar alí un día enteiro dende as 11.00 da mañá ata a unha da madrugada. Quédame mal sabor de boca polos rapaces porque o deron todo e máis. Foron sen durmir e ademais en plena ola de calor. Nas probas, sen dúbida, foron os mellores”. A pesar do inmerecido resultado o alcalde de Brión, Pablo Lago, asegura que “foi moi bonito, o pobo estivo moi unido. Ademais o luns pola noite xuntáronse unhas 700 persoas na Carballeira”. O rexedor asegura que “estou moi orgulloso de todos. E como lles digo cada día ás miñas fillas: na vida tamén é bonito perder para aprender a tirar para adiante”.

Asemade, o alcalde está convencido de que este programa serviu para dar a coñecer Brión en toda España. “Fomos trending topic por momentos, nas Cancelas anunciaban por megafonía o programa, chamáronme alcaldes de toda Galicia... maior publicidade ca esta non creo que haxa”, di. “O importante foi participar e dar a coñecer o municipio”, conclúe.

O público brionés nas gradas do plató

O público brionés nos chanzos do plató / Cedida

Pola súa parte, Iria, unha das participantes máis novas, asegura que a pesar dos resultados “foi unha das mellores experiencias da miña vida”. “O mellor de todo foi a compañía, fixemos un gran equipo a pesar de que a maioría non nos coñecíamos”. O peor foi “a calor e as condicións nas que fomos. Ademais foron moitas horas de gravación”. O maior susto levouno na proba dos bolos, pois caeu boca abaixo e sentía que se asfixiaba. “Socorréronme rápido, o equipo portouse xenial”.

Brión perdeu o icónico concurso, pero o pobo, e todos os galegos, sabemos que eles son os vencedores por xustiza.