Xosé Manuel Soutullo, novo director xeral de Galaxia

O actual responsable da Fundación Penzol e conselleiro da editorial é nomeado un mes despois da dimisión de Francisco Castro

Xosé Manuel Soutollo, novo director da Galaxia

Xosé Manuel Soutollo, novo director da Galaxia / FDV

Xosé Manuel Soutullo é o novo director xeral de Galaxia. Un mes despois da tormentosa dimisión de Francisco Castro, o consello de administración da editorial acordou onte, venres, o nomeamento de Soutullo, segun informou nun sucinto comunicado.

Actual director da Fundación Penzol e conselleiro de Galaxia, Soutullo desenvolveu na editorial que agora dirixe unha dilatada vida profesional no ámbito da edición e da produción cultural.

Soutullo conta cunha ampla experiencia na editorial Galaxia, organización á que está vencellado dende hai unhas catro décadas, organizando eventos como exposicións e actividades culturais relacionadas co sector editorial.

Francisco Castro fixo público o 18 de setembro a súa decisión de presentar a súa dimisión. Declaraba que tomaba ese camiño pola falta de apoio “reiterada” da editorial ao seu traballo tras as críticas vertidas polo escritor Alberto Ramos nunha entrevista concedida ao dixital Praza Pública, onde denunciaba o seu proceso persoal de edición e criticaba algúns aspectos na xestión e organización da empresa.

Na entrevista, Ramos, gañador do premio Repsol coa novela Os corpos dos Romanov, cuestionou o proceso de edición de Galaxia e acusou a Castro de ter empregado toda a maquinaria de comunicación e difusión da editorial para anunciarse como autor.