“Sid e Vall adaptáronse moi ben, son moi alegres”

Profesionais de Pekes contan a experiencia de dous rapaces mauritanos na área que a asociación Amicos adica á infancia e xuventude

Vall e Sid, cunha das profesionais da área de Pekes de Amicos  | // ECG

Vall e Sid, cunha das profesionais da área de Pekes de Amicos | // ECG / b.c. [santiago]

B. C. [Santiago]

Se ben Amicos é coñecida pola súa especialización no trato de persoas con discapacidade, dano cerebral e autismo; a súa labor vai máis alá, e conta con distintas áreas dependendo da idade das persoas que asisten aos seus centros. Así, a área encargada de acompañar e apoiar os máis pequenos é Pekes, que atende de forma constante a unha trintena de nenos e mozos de entre 0 a 21 anos.

Esta atención lévase a cabo no colexio da asociación, ubicado en Oleiros, que conta cunha unidade de atención temperá e un centro de educación especial, formados ambos por un equipo especializado nas áreas motora, comunicativa, social e perceptivo- cognitiva. Ademais, dende o centro tamén se ofrece seguimento e apoio personalizado ás familias dos cativos.

Porén, a actividade de Pekes non se reduce só ao traballo dentro do centro. O equipo desta área traballa man a man con colexios da zona para crear espazos inclusivos a través do xogo mediante iniciativas como Badaboom, e ofrece apoio e fomación ao profesorado con proxectos como Inc-Leisure, ao abeiro de Erasmus+.

Así, Pekes serve como apoio e complemento ao traballo que os cativos realizan no cole, traballando sempre en favor de facilitar a súa inclusión na sociedade. É este mesmo obxectivo o que se busca cando se trata dos mozos e mozas que asisten ao centro. Con eles trabállase para que se convertan en adultos o máis autónomos posible, para o que se reforzan coñecementos prácticos no piso-escola situado en Ribeira. Sonía Tubío e Sara Albitres, mestra e pedagoga respectivamente, contan a experiencia de dous mozos, Mohamed Vall Seleck e Sid Mohamed Seleck, en Pekes.

Canto tempo levan en Pekes Sid e Mohamed?

Empezaron en maio deste ano, e despois xa fixeron as actividades de verán. Empezaron en setembro este novo curso. Vall cumpriu agora 18 anos e Sid ten uns 14.

Cantos días veñen ao centro á semana?

Veñen todos os días en horario completo. Eles viñeron de Mauritania, e alí non estaban escolarizados, aínda que é certo que se nota que o pai traballou moito con eles na casa porque teñen coñecementos adquiridos que sen ir ao colexio é complicado acadalos. Pero parten de cero en canto á rutina de asistir a unha escola. Vall ten autismo e Sid discapacidade intelectual, aínda que por agora están sendo valorados.

Como coñeceron os pais este centro?

Polos pais doutra peque que ven ao centro, que tamén son de Mauritania e lévanse moi ben. De feito, a nai e os irmás dos rapaces aínda viven en Mauritania, están aquí co pai, e están desexando que a nai e os irmáns poidan vir para aquí con eles.

E vindo dun país onde as persoas con discapacidade non están tan aceptadas, como é a comunicación do centro cos pais?

Esa pouca visibilidade é a razón pola que os rapaces non foron á escola ordinaria no seu país natal, porque os nenos comezan o colexio e se no centro ven que teñen alguna necesidade especial, apártanos. A comunicación é complicada pola barreira do idioma, facémolo todo mediante intérprete, que é o pai de Zeinabou. Pero o pai implícase moito na educación dos rapaces e no traballo que se fai con eles, ven ás reunións, ás xornadas de portas abertas... Móstrase en todo momento moi involucrado e moi contento con todo o traballo que se fai cos rapaces.

Na súa situación, que aspectos traballades con eles?

En principio vocabulario e comunicación, que é o básico, que saiban comunicarse, que poidan falar cos compañeiros e trasladar as súas necesidades no idioma que se utiliza aquí, sexa castelán ou galego. É o primordial. Sid ten comunicación oral, cústalle comprender porque chegou fai pouco e está aprendendo español, pero cada vez comprende máis e é capaz de construir oracións cada vez máis complicadas, de feito el comunícase perfectamente con seu pai en árabe. Vall entende e repite algunhas palabras, pero é incapaz de formular frases. Comezamos a traballar con pictogramas para que fixesen peticións e agora, pouco a pouco, comezamos a incorporar pouco a pouco de temas curriculares como números, letras, vocabulario básico… e moi ben. Con eles facémolo todo moi visual e moi directo, para que eles entendan o que están traballando e que lles sexa útil. Por exemplo, Vall sabe utilizar pantallas, entende os pictogramas no seu idioma e temos que ensinarlle a comunicarse de forma eficaz aquí. É reforzar o que xa saben e ir avanzando para que entenda todo o proceso.

Como foi a adaptación?

Adaptáronse moi ben ás rutinas e ás normas, e a relación cos compañeiros foi moi boa. Nós pensamos que de feito o necesitaban.Vall fíxose moi amigo de Alfonso, un dos seus compañeiros de aula, e de feito ‘Alfonso’ é a palabra que mellor di. Son moi alegres, interactúan sen problema e encántalles ir ao patio a xogar.

Fixeron alguna actividade en coles ordinarios?

Levan moi pouco tempo, pero no verán si participaron en actividades como a limpeza de praias e moi ben. Tamén veñen a saídas pola contorna e excursións e moi ben, móstranse moi ilusionados. Son cousas que nunca fixeran e nótase que para eles é o máximo.

Que outras actividades adoitan facer?

Tamén van ata a fábrica social do Centro de Atención Integral de Boiro e a piscina, que é a que máis lles gusta aos dous. Encantalles!