XGN INTERMAX 2024: informática, novas tecnoloxías e lecer electrónico na maior lanparty de Galicia do 1 ao 3 de novembro
O recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda acolle do 1 ao 3 de novembro a edición 24 do encontro XGN Intermax 2024, que unirá divulgación, formación e entretemento
Silleda acollerá do 1 ao 3 de novembro a maior festa informática de Galicia. / CEDIDA
Centos de profesionais e afeccionados á informática e ás novas tecnoloxías xuntaranse un ano máis na festa XGN Intermax, a maior lanparty galega e que aspira a ser a segunda maior de España, que vivirá a súa 24ª edición entre o 1 e o 3 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda.
Formación, intercambio de experiencias e entretemento volverán ser os eixos desta cita, que conta co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, e que estrea empresa colaboradora e patrocinadora oficial, Intermax Technology. De feito, grazas a esta compañía tecnolóxica galega, os participantes poderán navegar ao dobre de velocidade que na pasada edición: chegarán ata 40 Gbps.
XGN Intermax 2024 contará de novo coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, que se repartirán nos dous pavillóns principais do recinto, con 10.000 metros cadrados cada un deles. Na primeira, orientada a rexistrados, habilitaranse postos con conexión de altas prestacións e incluirá dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas. A segunda zona, a Extranet, ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
Como é habitual, a tarde previa á inauguración, o 31 de outubro ás 16.00 horas, abrirá as súas portas de forma non oficial nas súa xornada pre-party de XGN Intermax 2024 para facilitar o acceso escalonado dos inscritos. Estes poderán usar xa os seus equipos, aínda que será unha xornada destinada á realización de traballos técnicos, probas e posta a punto do evento.
Vista xeral dunha edición pasada da 'lanparty'. / CEDIDA
Programa XGN Intermax 2024
A XGN Intermax 2024 contará con actividades moi variadas tanto para persoas inscritas na Intranet como para visitantes que acudan á zona Extranet, a cal estará aberta os dous primeiros día do evento, 1 e 2 de novembro.
Novidades e propostas xa habituais que contan sempre con gran éxito uniranse neste programa. Entre outras, competicións de arte dixital en nove categorías (curtametraxe, gráficos 3D, ilustración dixital, música dixital, dobraxes, fotografía, retoque, fast compos ou AMV).
Tamén se inclúen competicións de modding (personalización e modificación de ordenadores) e de programación de robots para que loiten entre si.
Porén, un dos grandes atractivos de XGN Intermax 2024 son os videoxogos tanto para PC como para consola. No caso concreto dos xogos, en PC competirase no League of Legends, Counter-Strike 2, Valorant e Rocket League e en consolas serán no FC24. Tekken 8, Super Smash Bros. Ultimate e no Mario Kart 8: Deluxe.
O programa incluirá talleres, conferencias, actividades de realidade virtual, os xogos máis diversos e zonas para o deporte.
Como inscribirse
A edición deste ano hablitará 1.024 sitios para pór o ordenador. A propia entrada á XGN Intermax 2024 dá dereito a un posto para ubicar o computador, toma de corrente e conexión á rede de internet por 40 euros.
A feira tamén está aberta para o público en xeral. / CEDIDA
Aquí podes consultar as normas dun evento que este ano inclúe un servizo de cátering. A petición dun bono de comida faise a través da extranet e o último día para solicitar o bono é o 30 de outubro.