DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

Carballo e Vimianzo apostan pola formación para o emprendemento

Vinte e oito empresas sumáronse ao plan bergantiñán Impulsa e despega

A capital de Soneira acolle a Gira Mujeres RuralTalks

Xornada inaugural do programa Impulsa e despega en Carballo

Xornada inaugural do programa Impulsa e despega en Carballo / Concello de Carballo

J. M. Ramos

Formar e apoiar aos emprendedores son os principais obxectivos de dous programas que se desenvolven en Carballo e Vimianzo. Na capital de Bergantiños, 28 empresas dos sectores máis variados, e que teñen en marcha negocios en distintas fases de desenvolvemento, sumáronse ao plan Impulsa e despega, unha iniciativa da concellería de Promoción Económica que tenta contribuír á profesionalización e revitalización do tecido empresarial das pemes locais a partir de modelos de negocio baseados no triplo balance -económico, social e ambiental- que lles permitan afrontar nas mellores condicións os retos da Axenda 2030 para avanzar no desenvolvemento sostible.

Impulsa e despega é unha actividade gratuíta que vai destinada a todas aquelas persoas emprendedoras e pequenos empresarios que buscan un equilibrio entre a viabilidade económica, social e ambiental.

Os participantes poderán acceder ás ferramentas e coñecementos precisos para atender as necesidades do día a día dos seus negocios dun xeito efectivo. “Emprender e permanecer non é tarefa fácil, e a través deste programa queremos axudar, poñendo o foco na análise e xestión de catro áreas estratéxicas: modelo de negocio, estratexia empresarial, finanzas e comunicación”, dixo o edil de Promoción Económica, Xosé Regueira. A proposta, que desenvolve a cooperativa Falar a Mare, arrincou no Museo de Bergantiños cunha xornada de traballo conxunta.

Pola súa banda, o Castelo de Vimianzo acollerá o día 25 a Gira Mujeres RuralTalks, un programa de formación e capacitación para o emprendemento feminino impulsado por Coca-Cola España.

A xornada está dirixida a mulleres emprendedoras cunha idea, ou non, de negocio no mundo rural, empresarias rurais, mulleres que busquen motivación e inspiración, organizacións que impulsen o emprendemento feminino rural e autoridades públicas locais e rexionais.

O obxectivo é impulsar e fomentar o emprendemento no rural e enriquecer a conexión entre as mulleres emprendedoras e os territorios nos que se desenvolven os proxectos.

O encontro inclúe dous coloquios baixo os lemas Moldes innovadores para insipirar negocios rurais e Emprendedoras referentes rurais, que se complementarán cunha parte práctica co título Red de contactos. As participantes visitarán a mostra de artesanía do castelo, participarán nunha degustación de sabores locais e farán un percorrido histórico polo municipio. A concelleira de Benestar Social, María José Pose, asegura que “é un orgullo poder acoller en Vimianzo unha xornadas destas características e achegar ás nosas veciñas a cuestións tan importantes”.

TEMAS