Concello e Real Academia activan en Ames o 'modo galego'

Retan a 2.000 nenas e nenos de nove centros a que empreguen a lingua autonómica

Terano que facer polo menos tres semanas en todos os ámbitos  

O escritor Manuel Nuñez Singala na charla impartida na escola O Bosque, de Bertamiráns

O escritor Manuel Nuñez Singala na charla impartida na escola O Bosque, de Bertamiráns / C. Ames

Redacción

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, e maila Real Academia Galega (RAG), puxeron en marcha a segunda edición do proxecto de investigación-acción Modo galego, actívao!

Como novidade, alén de volver involucrar as comunidades educativas dos sete colexios públicos de Infantil e Primaria amesáns, desta volta chegará tamén ás dúas escolas infantís municipais, que atenden a uns douscentos nenos e nenas ata os tres anos de idade, e reforzará a oferta de accións formativas.

A experiencia ten como dobre obxectivo estudar e promover o uso da lingua galega entre os nenos e nenas de Ames partindo dos seus principais contextos de socialización: os propiamente escolares, os servizos complementarios, as actividades extraescolares e o contexto familiar. E faino contando coa implicación de todos os axentes: os educadores e educadoras, o monitorado, o alumnado e os seus proxenitores.

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, mostra a súa satisfacción polo comezo deste programa, pois “as rapazas e os rapaces son o futuro do galego”, dixo. “Con elas e con eles debemos traballar na conservación do idioma. O Concello de Ames estará sempre á vangarda na defensa e na promoción do galego”, sinalou o mandatario.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asegura que “o obxectivo é que sexa posible vivir en galego en todos os contextos dende a infancia, e este proxecto ten a virtude de traballar para que así sexa tendo en conta a todos os axentes implicados”.

O escritor, divulgador e director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, impartiu as primeiras charlas ás educadoras e ás familias das escolas da Madalena e O Bosque.

O Seminario de Sociolingüística da RAG encárgase do asesoramento e da posterior avaliación do proxecto. Nesta ocasión, a proposta retará a máis de 2.000 nenos e nenas a empregar o galego polo menos durante tres semanas en todos os ámbitos da vida. A iniciativa arrinca o luns, día 13, e estenderase ata o final do mes das Letras Galegas.

Suscríbete para seguir leyendo