Ames homenaxea á cultura cos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas e seis premios

Galardoarán a Títeres Cachirulo, Fátima Rodríguez, Madó Santos, A Casa Vella, Erregueté e Ana Díaz

O certame non ten carácter competitivo, e a entrega será no Milladoiro o vindeiro martes 7 de maio 

Imaxe de arquivo da compañía Títeres Cachirulo durante unha actuación en Redondela

Imaxe de arquivo da compañía Títeres Cachirulo durante unha actuación en Redondela / Ricardo Grobas

A casa da cultura do Milladoiro acollerá a segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas, o vindeiro martes, 7 de maio, ás 20.30 horas. O evento está organizado por Escena Galega e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, en colaboración co Concello de Ames e a Xunta de Galicia e a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Con esta actividade, a entidade brindará recoñecemento sectorial e homenaxeará tamén a profesionais, entidades, instalacións, publicacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas de Galicia.

Pois ben: unha comisión seleccionou categorías que recollesen a vontade de Escena Galega de poñer en valor o traballo realizado polas persoas, entidades e axentes recoñecidos. Deste xeito, destacarán o traballo e contribución de Títeres Cachirulo, socio de honra da entidade. Vaise loubar a súa contribución á cultura enxebre e ao teatro de monicreques durante os seus case 40 anos como entidade de produción e exhibición, sendo un exemplo na posta en valor da disciplina dentro e fóra destas nosas fronteiras. Tamén a Fátima Rodríguez-Consultora Promove (galardoada no apartado Ao compromiso feminista entre caixas), en recoñecemento ao seu labor en prol da igualdade real entre homes e mulleres dentro do ecosistema escénico galego, con accións como o desenvolvemento do Protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo/xénero nas artes escénicas e musicais, que é pioneiro no Estado español.

Madó Santos, Toda unha vida a sachar, será premiada polo seu “arduo traballo de deseño, xestión e programación de artes escénicas profesionais no Concello de Muros”, posicionando esta praza como municipio galego que máis inviste en cultura por veciño e ano. E no caso de A Casa Vella, sección Do rural ao universal, destácase o labor feito ao longo dos seus tres anos de existencia en prol da dinamización e creación das artes escénicas galegas dende a contorna rural, o seu gran traballo na creación de públicos e o seu modelo de busca de financiamento e xestión, posto en valor en foros estatais.

Exemplaridade e esmero

De Erregueté-Revista Galega de Teatro (sección Á longa travesía no deserto) considérase a súa exemplaridade e esmerado desempeño na difusión das artes escénicas galegas como publicación que conxuga dende os seus inicios información, creación, divulgación e estudo das nosas artes escénicas. E por atender a todas as disciplinas ao longo dos anos co rigor que merece a súa heteroxeneidade, a pesares das eivas de financiación e o deficiente apoio público cos que a editorial conta e contou. Xa para rematar, Ana Díaz Calvo súbese tamén ao podio co galardón Ás pioneiras da escaleira e do patch pola súa actividade como unha das poucas profesionais técnicas da súa xeración, dende a empresa Tedaga e recoñecendo, por extensión, a todas as mulleres técnicas de artes escénicas do país.

Respecto da comisión encargada de seleccionar ás persoas e entidades recoñecidas, estivo composta por Patricia de Lorenzo González (Chévere Teatro, presidenta de Escena Galega) e Diego Vázquez Meizoso (xerente da asociación), como secretario (con voz, pero sen voto). Tamén se convidou a dúas persoas alleas á entidade para asegurar unha maior imparcialidade e diversidade nos criterios, como Cristina Domínguez Dapena (profesora da ESAD, directora escénica e exdirectora do Centro Dramático Galego) e Antonio Porteiro Domínguez (responsable técnico do Pazo da Cultura de Carballo).

Galardóns de Esther Quintas

Xa no que atinxe á entrega dos recoñecementos, o martes no Milladoiro, a intención da organización é “crear un ambiente distendido, informal e de celebración, onde dende o humor se cre un espazo onde as persoas e entidades postas en valor poidan gozar da celebración e recoñecemento do seu labor pola escena galega profesional”. E é que hai que lembrar que os Recoñecementos Escena Galega ás artes escénicas teñen carácter non competitivo e buscan recoñecer e visibilizar a traxectoria e a contribución de distintas compañías, entidades, proxectos e persoas no ámbito das artes escénicas. 

Ademais, e tal e como se estipulou na primeira edición deste evento, Escena Galega encarga cada ano a peza física dos recoñecementos a distintos creadores galegos, dándolles total liberdade para que o recoñecemento sexa orixinal e diferente en cada edición. Este ano asume a encarga Esther Quintas, artesá e ceramista viguesa, quen deseñará e executará as pezas que serán entregadas en todas as categorías. A partir de 2014, “cuando terminé la especialidad de Cerámica en la Escuela de Artes y Oficios en Vigo, ya no pude pensar en otro material”, segundo divulgaba.

Suscríbete para seguir leyendo