O Ateneo proxecta a película ‘Amor propio’ 

CINEMA. O Ateneo de Santiago continúa hoxe coas proxeccións do ciclo audiovisual O cine social e político de Mario Camus dentro do seu Cineclub. Nesta nova sesión, que terá lugar ás 19.00 horas no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo da súa sede social (praza de Salvador Parga, 4-2º), emitirase a película Amor propio (1994). O filme estará comentado por José Manuel González Herrán, catedrático de Literatura Española e profesor emérito da USC. Amor propio está inspirada na historia real dun director dunha sucursal bancaria, que en 1991 protagonizou un dos maiores roubos da historia española. Pola súa banda, González Herrán é membro dos consellos editoriais e comités científicos de revistas e editoriais da súa especialidade e ten publicado monografías sobre autores españois dos séculos XVIII, XIX e XX.

Numax ofrece un pase único de ‘Bushman’

Fotograma de ‘Bushman’ Cedida

CINEMA. Numax proxecta hoxe ás 19.50 horas un pase único de Bushman, dentro do ciclo que leva por título Cinema, rexistro vivo da nosa memoria. A película, dirixida en 1971 por David Schickele, reflicte as friccións tribais, persoais e raciais durante os convulsos anos sesenta a través das aventuras de Gabriel, un mozo nixeriano que busca o seu lugar na sociedade na cidade de San Francisco (EEUU). O pase contará coa presentación do doutor en Historia da Arte e profesor da USC, Iván Villarmea Álvarez.

Presentación da ‘Antoloxía poética’ de Enrique Labarta

LETRAS. O Museo do Pobo Galego acolle hoxe ás 19.00 horas a presentación da Antoloxía poética, de Enrique Labarta, en edición de Xosé María Rey Lema e Xosé Manuel Varela. Acompañando os editores, estarán Manuel Vilar Álvarez, presidente do Museo do Pobo Galego; Jorge Mira Pérez, voceiro da Comisión Letras Galegas para Labarta Pose; Manuel Muíño Espasandín, alcalde de Zas; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Galaxia.

‘Paseos de vagar’, a visión sosegada do cotiá de Lola Sanz en El Corte Inglés

Lola Sanz e o artista plástico Manuel Nieto, onte na inauguración da mostra pictórica en El Corte Inglés Cedida

EXPOSICIÓN. A sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés acolleu onte a inauguración da exposición Paseos de vagar da artista segoviana residente en Santiago Lola Sanz. A mostra poderá visitarse ata o 30 de abril e a autora das obras estará os días 17 e 24 de 18.00 a 20.00 horas para facer visitas guiadas. Sanz ofrece a súa creación máis sosegada a través da exploración de novas formas de expresión, como o fragmentarismo ou a deconstrución.