Uxía, cantora e dinamizadora cultural, é unha das voces imprescindibles da música galega, Esta noite participa no programa Traes una cantiga? (TVG, 22.00 horas) como madriña dos grupos que actúan e formando parte do xurado, nun espazo que cada semana fai soar o canto de taberna, un dos xéneros máis populares da música galega, que elabora unha listaxe dos temas con máis sona.

Uxía é de cantar nas tabernas?

Eu crieime nunha taberna, na dos meus avós maternos Josefa e Elisardo, a mítica e popular Casa Elisardo de Petelos (Mos). Desde ben cativa subía ás mesas para que me escoitasen cantar. Así que sentín que era un bo escenario e tiña un público cativo ao que dirixirme. Daquela era normal escoitar a nosa música popular entre cunca e cunca de viño da casa. Foi o meu primeiro palco. Mais adiante, aló polo 2008, coas miñas amigas e compañeiras de oficio Guadi Galego e Ugia Pedreira fomos ao Certame de Cantos de Taberna de Espasante acompañadas de Pedro Pascual. Foi unha experiencia inesquecíbel. Aínda me arrepía sentir as nosas voces xuntas vibrando ao entoar a habaneira tan popular en Cedeira Non sei, a popularísma Na beira do mar ou Eu de Marín ausenteime.

Cal dirías que é a importancia dos cantos de taberna para a música galega en xeral?

A música galega bebeu moito dos cantos populares que naceron na propia taberna ou do repertorio do canto coral ou dos grupos de gaitas. Son parte da tradición e da identidade galega ofrecendo un espazo de encontro e celebración onde se comparten cantares, poesía e conversa.

A música galega é unha expresión destacada na cultura do país. Cres que a nosa música define ben o ser dos galegos e galegas?

Normalmente eses cantos reflicten a nosa alegría, a nosa relación co mar e a natureza. Ten especial relevancia o relato da vida cotiá e o humor e para a comunidade galega iso é esencial.

Os cantos de taberna son, polo xeral, executados por músicos afeccionados, pero hai calidade nos cantos de taberna?

Claro que hai calidade. Descubríronse grandes voces que logo pasaron a ser tan populares como A Roda, por exemplo. Mais eu diría que conviven afeccionados con xente máis profesional que tocan acordeón, gaita, percusión ou guitarra entre outros instrumentos. Mais cunhas cunchas xa se fai unha festa.

O programa, entre outras cousas, pretende axudar a recuperar o feito de que a xente cante nas tabernas. Que cres que pode aportar esta recuperación?

É importante que a xente se anime a cantar e que se eliminen eses carteliños convidando á xente a non cantar nos bares. Paréceme ben triste e creo que se debe recuperar e a TVG como ente público ten a obriga de mostrar o que é o panorama musical que fai da tabernas o seu palco por puro pracer para deleite de quen escoita ou participan nos numerosos certames de música de taberna que hai polo país adiante.

Traes unha cantiga? consegue transmitir ben aos espectadores o ambiente destos cantos?

A pesar de ser un programa de TV con cámaras, guión e son e iluminación coidados ten un aire fresco e non tiven a sensación de estar nun plató porque o propio ambiente dos fermosos bares que son protagonistas axudan a que se transmita o ambiente de festa e algarabía.

A experiencia durante a gravación como foi?

Paseino moi ben. Dáseme ben amadriñar. Non se me fixo pesada a gravación e sentinme na casa. Sempre é difícil o labor de xurado, escoller uns e non outros. Quizais sexa iso o que máis me amola mais ao mesmo tempo é un xogo e non vin caras longas e sI moito compañeirismo.

Como foi compartir con Sheila Patricia e Alfredo Dourado o traballo de xurado.

Sheila e Alfredo son xente que quero e aprecio e foi moi doado o traballo de xurado e tamén cantar a tres voces. Que bonito soaba. Fixemos un bo equipo.

Os grupos que participaron en Bueu te sorprenderon nalgún sentido?

Os grupos eran moi variados e aportaron nalgún caso repertorio propio algo que eu valoro moi positivamente. E que tiñan todos esa alegría propia de Bueu e do Morrazo. Gustáronme moito e había unha alta calidade musical e interpretativa.

Que cres que lle vai transmitir hoxe aos espectadores Traes unha cantiga?

Creo que este programa en concreto ten o espírito dunha sesión de música de taberna xenuína e servirá para alegrar os corazóns dos telespectadores que boa falla fai en tempos tan duros e escuros para a humanidade. Que estas historias, a camaradería, o ambiente festivo e a emoción das músicas tabernarias nos acompañen sempre e nos fagan pensar nun mundo máis fraterno e de unión da comunidade nos pobos da nosa terra.