Cantante e presentadora da Televisión de Galicia (TVG), Lucía Pérez participa esta noite no programa Traes unha cantiga? como madriña dos grupos que actúan e formando parte do xurado. Cada semana na TVG soa neste espacio o canto de taberna, un dos xéneros máis populares da música galega para elaborar unha listaxe dos temas con máis sona.

Que papel cres que desempeñan os cantos de taberna dentro do conxunto xeral da música galega?

Os cantos de taberna son un acto socializador, que hoxe en día boa falta fai! É, sen dúbida, un refuxio do noso canto e da nosa cultura así que sigámolos practicando e protexéndoo sempre. ¡E mira se son importantes os cantos de taberna para a música galega, que ata se creou un xénero de música en sí mesmo; iso si é top!

Que sentimentos espertaron en ti que te chamaran para ser parte do xurado de Traes unha cantiga?

Fora mellor que me invitaran só a cantar (risas) pois sempre o de “xulgar” resulta o momento máis incómodo, pero agradecida sempre, pois calquera programa onde a protagonista sexa a música eu vou encantada, e co equipo “molón” que ten Traes unha cantiga?, aínda máis.

Lucía, a música forma parte da túa felicidade?

Un si, rotundo! Se de algo estou segura na miña vida é que a música late con demasiada forza dentro de min; dun xeito que non podo explicar con palabras. Ca música e cantando son feliz e emociónome pensando todo o que fixen, fago e quero facer. Sinto un respecto máximo polo público que fai que eu siga estando aí e por esta profesión, que para min é a máis marabillosa do mundo.

Emítese o programa dende Ribadeo. Está é unha comarca con moita tradición musical...

Ribadeo, e tantos pobos que estamos descubrindo en cada programa! Pero é verdade que Ribadeo é moi cantarín e moi festeiro...levan o ritmo no corpo e na alma. Será polas orixes e influencias caribeño/cubanas que fan unha simbiose artística e emocional entre dúas terras ben especial. E descubrirémola nas agrupacións que farán pezas ben bonitas (habaneras, boleros...) que eu nunca escoitara e que sorprenderán. A xente de Ribadeo é especial e este programa tamén o vai ser!

Ao longo da gravación, que sensación tiveches de como se desenvolveu?

A verdade é que o pasei pipa, o ambiente era verdadeiro, esquecéndonos en moitos momentos que era un programa de televisión.

Formar parte dun xurado, ter que dalgunha maneira xulgar, non é moi doado. Como o viviches?

Como dicía anteriormente, sempre é o momento máis incómodo, e non o tivemos doado, de feito, nun primeiro momento non había unanimidade e tivemos as nosas diferencias. O que si creo que hai que ter en conta é dicir as cousas con delicadeza e sacar o mellor de cada un. A puntuación é a anécdota de calquera concurso.

Cos membros permanente do xurado [Sheyla Patricia e Alfredo Dourado] cantas unha canción. Como foi? Hai complicidade?

Admiro moito a Sheyla e Alfredo, e foi un gustazo! Con Alfredo, xa coincidín en varias ocasións, e unha moi especial foi ca xira A Roda da Igualdade; proxecto preciosísimo! No programa foi un pequeno aperitivo musical que, a verdade, se me fixo curto. Temos que desquitarnos noutro momento...esas mesturas entre os artistas son necesarias, pois sempre traen cousas bonitas.

Que dirías dos grupos participantes. Como os viches? Te sorprenderon?

Agrupacións moi diferentes e cada una delas ca súa identidade e o seu selo. Algo importante que percibín é que ó estar no seu “hábitat” e non nun plató de televisión, propiamente dito, estaban tranquilos e gozando; e iso é moi importante!

Espertaron en ti moitas gañas de cantar?

Claro que si! E cantei... pois a maxia dos cantos de taberna é que teñen ese efecto de contaxio.

Que cres que é o máis destacado que vai transmitir aos espectadores o programa?

É un programa sen artificios, mantendo ao máximo a realidade e a esencia dos cantos de taberna e creo que iso transmítese aos telespectadores.