Unha mostra repasa no Castelo de Vimianzo a historia da localidade, do castrexo ao medievo

Asistentes á inauguración da mostra no Castelo de Vimianzo

Asistentes á inauguración da mostra no Castelo de Vimianzo / CEDIDA

suso souto

O Concello de Vimianzo dá a coñecer a súa historia coa exposición Vimianzo no tempo: do castrexo ao medievo, que xa pode verse no Castelo ata o vindeiro día 31 de maio.

A inauguración correu ao cargo do arqueólogo Tito Concheiro, que estivo acompañado da alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Beatriz Pazos; e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas.

Concheiro guiou unha visita á mostra desde o Castro das Barreiras, do que destacou “o gran valor histórico e patrimonial”, ata o castelo.

O Castelo de Vimianzo foi testemuña dende a súa construción (a finais do século XII) de cruentos enfrontamentos entre a mitra compostelá, a nobreza, a fidalguía e o campesiñado, e escribiu máis dunha páxina na historia de Galicia. Neste espazo, ademais dunha mostra de artesanía en vivo, faise un pequeno percorrido polo seu pasado.

Na súa intervención, Penas destacou que a Deputación da Coruña asinou un convenio para manter a actividade no Castelo e nos Batáns.