Intercambio de vivencias e culturas entre mozos da Pobra e Santarém

O alcalde, esda., cos estudantes e mestres

O alcalde, esda., cos estudantes e mestres / CEDIDA

Redacción

Oito estudantes e catro profesores do centro de estudos do Agrupamento de Escolas Dr Ginestar Machado, de Santarém (Portugal) desfrutaron na Pobra da segunda parte do intercambio Erasmus+ co alumnado local, que en febreiro visitou a localidade portuguesa. Durante unha semana afondaron no benestar emocional a través de distintas accións e gozaron de excursións para coñecer a contorna. O alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, recibiunos no salón de plenos e asegurou que “son experiencias moi positivas para a rapazada no seu crecemento persoal e académico, pero tamén para o profesorado e as familias”.

O director do instituto da Pobra, Alejandro Bobillo, agradeceu a implicación da comunidade educativa, dos núcleos familiares e dos estudantes, e Natalia Duarte, representante da escola de Santarém, amosou o agradecemento “por levarnos a coñecer outra cultura, abrirnos as súas casas, os seus corazóns...”. Unha viaxe da que, engadiu, se “enriqueceron e espremeron o que puideron”.

O rexedor agasallou aos membros da delegación portuguesa con material divulgativo sobre A Pobra “e agardo que esta sexa a primeira viaxe de moitas máis oportunidades de visitar o noso concello”, afirmou.