Outes destina a obras no rural e equipamentos 600.000 euros

O alcalde de Outes, Manuel González.

O alcalde de Outes, Manuel González. / C.O.

Redacción

A Corporación municipal de Outes aprobou por unanimidade a relación de obras a incluír no POS+2023 da Deputación, elaborada con achegas dos distintos grupos.

O alcalde, Manuel González, dixo que se priorizaron actuacións de mellora en núcleos rurais en todas as parroquias, así como a mellora de equipamentos no campo de futbol e no pavillón do Cunchido. Tamén se inclúen actuacións nos núcleos urbanos da Serra de Outes, Cruceiro de Roo e O Freixo. Todas as obras ascenden a preto de 620.000 €, reservándose ademais outros 150.000 € para financiar gastos correntes que, segundo o rexedor, servirán para atender a suba dos custos enerxéticos municipais.

Entre as obras do POS+2023 destacan o remate da humanización da rúa da Capela (A Serra) por 79.231 euros ou as beirarrúas no Cruceiro de Roo, por 67.960.

“Nestes momentos estanse exectuando ou a piques de comezar importantes actuacións, como a mellora das beirarrúas no porto do Freixo, a senda peonil ata a piscina municipal ou o saneamento de Quintela a Ousesende. E están a piques de ser adxudicadas actuacións de mellora nos núcleos de Banzas, Outes, Crespos, Entíns e Tarás, entre outros”, engadiu.