Emprendedores no medio rural explican o éxito do seu negocio nas xornadas Lalín Conecta

No encontro expuxeron as súas experiencias un produtor de maceiras, unha de castañas, outra dedicada ó leite e apicultores

As emprendedoras e emprendedores que participaron no acto. C.L.

As emprendedoras e emprendedores que participaron no acto. C.L. / sol elvira

O concelleiro de Agricultura de Lalín, Avelino Souto, foi o encargado de dar apertura ao segundo dos encontros Lalín Conecta do Plan Talento Lalín da Estratexia DUSI dirixidas ao sector agroalimentario. Nel, cinco emprendedores explicaron as súas experiencias e as claves do éxito dos seus negocios.

Nesta segunda xornada moitos foron os asistentes de centros educativos da cadea agroalimentaria, emprendedores, colectivos con dificultades de acceso ao emprendemento e mesmo mulleres vulnerables.

Cinco foron os conferenciantes e referentes a nivel local, autonómico e nacional que achegaron ao público asistente exemplos de emprendemento. Participaron José Silva, do Pazo de Des, encargado da explotación de catorce hectáreas de terreo onde medran maceiras e acollen colmeas; Ana Corredoira, que mostrou a Granxa A Cernada, unha explotación láctea familiar situada en Palas de Rei; Vanessa Núñez, da empresa Caurelor, que manufactura produtos naturais, sendo a castaña a estrela; David Liñares, da empresa De Liñares, que achegou ao público o mundo da apicultura; e o lalinense Abel Mato, de Antoxo do Carrio, que mostrou un exemplo de remuda xeracional, xa que el herdou a paixón polo mundo das abellas do pai e do avó.