Carballo mantén activos aos seus maiores con obradoiros e charlas

Aprenden a manexar os móbiles intelixentes, a prestar primeiros auxilios no fogar e as claves da compostaxe // Dan man da Policía Local están a recibir consellos para mellorar a seguridade viaria

Sesión informativa sobre a seguridade viaria coordinada pola Policía Local na parroquia de Aldemunde. C. C.

Sesión informativa sobre a seguridade viaria coordinada pola Policía Local na parroquia de Aldemunde. C. C. / redacción

Redacción

O Concello de Carballo aposta por un envellecemento activo da súa veciñanza e, con tal fin, impulsou o programa Actívate, unha iniciativa que achega ás distintas parroquias, en colaboración coas asociacións e outros organismos, propostas útiles para os veciños e veciñas, sobre todo os de máis idade, sobre manexo de teléfonos móbiles intelixentes, seguridade viaria, accidentes no fogar ou mesmo a compostaxe doméstica.

Son propostas abertas á participación da veciñanza de todo o municipio, do mesmo xeito que dende calquera parroquia, ben a través dos consellos parroquiais ou do movemento asociativo, poden solicitar a organización de programas semellantes. De feito, o Concello xa ten en listaxe de agarda A Brea, Cances e Bértoa. Despois da boa acollida que tiveran as actividades desenvolvidas no outono co apoio do Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos, agora están a levarse a cabo en Aldemunde, a parroquia máis pequena dese territorio, e en Vilela.

As actividades en Vilela arrincarron cunha primeira sesión do curso de manexo dos teléfonos móbiles, especialmente orientado cara as persoas maiores, aínda que puideron asistir todos os veciños e veciñas interesadas. A sesión foi impartida por voluntariado da Cruz Vermella, coa que o Concello volve a contar este ano para seguir achegando as novas tecnoloxías á poboación con máis dificultade para acceder a elas.

O obradoiro terá continuidade os días 16 e 23 deste mes de febreiro, de 16.00 a 18.00 horas, no centro social de Vilela. As persoas que queiran participar aínda están a tempo de inscribirse, ou ben poñéndose en contacto co consello parroquial ou ben enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.

O programa continuará con tres charlas teórico-prácticas que están tendo moita aceptación. O día 27 de febreiro, coa colaboración da Policía Local, falarase sobre seguridade viaria; o 6 de marzo, sobre compostaxe doméstica, e o 13, sobre primeiros auxilios no fogar, coa participación de voluntarios de Protección Civil. Todas as sesións comezarán ás 17.00 horas, con entrada libre para todas as persoas interesadas.

Pola súa banda, en Aldemunde estase a desenvolver un programa semellante en colaboración coa Asociación de Veciños de Aldemunde de Arriba, “e con moita participación”, sinalan dende o goberno local. Este mércores rematou o ciclo de charlas cunha intervención de Protección Civil sobre primeiros auxilios.

REPARTO. Entre as diversas propostas do programa Actívate figura o fomento da compostaxe, no que Carballo foi pioneiro na implantación dos colectores marróns de residuos orgánicos ao amparo do proxecto Ti tes a chave. Grazas a esta iniciativa cada mes o Concello envía máis de 25.000 quilos para o seu tratamento na planta de Sogama.

Unha parte dese compost producido en Cerceda regresa ao municipio para ser utilizado nos xardíns públicos, pero tamén polas persoas que están contribuíndo a que se poida pechar o círculo da xestión dos bio-residuos. Grazas á colaboración de Sogama, Urbaser e Dixardín, esta semana realizarase un novo reparto de compost coincidindo co mercado deste xoves. Tanto os usuarios que teñen a chave dos colectores marróns como quenes teñen composteiros domésticos poderán achegarse ata a rúa Coruña, de 10.00 a 14.00 horas, para recoller unha bolsa de balde. Haberá novos repartos os días 26 e 2 e 9 de marzo.