Máis de cincuenta persoas participan no plan formativo da Universidade Sénior en Baio

Acto inaugural da Universidade Sénior da Costa da Morte, en Baio - Zas

Acto inaugural da Universidade Sénior da Costa da Morte, en Baio - Zas / J.M. Ramos

Redacción

O centro sociocultural de Baio (Zas) acolle dende este mércores un novo programa de democratización do coñecemento da Universidade Sénior da Costa da Morte, no que participan cincuenta e cinco alumnos maiores de 50 anos de sete concellos.

O mencionado plan consta de tres módulos, con sesións teóricas e prácticas, impartidas por profesorado da Universidade da Coruña (UDC). Un dos módulos está dedicado a arte e sociedade, outro a ciencia e tecnoloxía e o terceiro a saúde e benestar.

A primeira sesión tivo por título Unha filosofía da amizade: Michel de Montaigne, e foi impartida polo profesor Alberto Sucasas Peón. Este xoves, día 23, Juan de Dios Ruano Gómez disertará sobre Divertimentos amorosos nos cartóns de Goya, e o vindeiro un de marzo, Fernando Agrasar falará da Arquitectura con minúsculas, novas sensibilidades.

Trátase dunha iniciativa da Universidade da Coruña que conta coa financiación da Xunta de Galicia e a colaboración do GDR Costa da Morte e o Concello de Zas. O acto inaugural estivo presidido polo alcalde de Zas, Manuel Muíño, e pola directora da Universidade Sénior da UDC, Matilde García Sánchez.