A Laracha mellorará o illamento do centro sociocultural da Insua

Vista de Caión

Vista de Caión / ECG

Redacción

O Concello da Laracha renovará a fachada e mellorará o illamento térmico do centro sociocultural da Insua, en Caión, que na actualidade alberga, nunha parte da instalación, o consultorio médico da vila e, na outra parte, actividade do tecido asociativo caionés.

O proxecto está valorado en 24.000 euros e inclúe a reparación dos paramentos exteriores e o repintado nunha superficie superior aos trescentos metros cadrados. Deste xeito serán mellorados o acabado e a estética exteriores, favorecendo ademais a integración do edificio na contorna na que se sitúa. Para o cofinanciamento desta intervención o Concello concorreu á convocatoria de axudas do Instituto de Estudos do Territorio para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos.

Este proxecto dará continuidade ao recentemente executado polo Concello coa colaboración da Xunta para aumentar o confort higrotérmico do edificio e mellorar tamén a súa eficiencia enerxética.