A escola da Casalonga volve a estar preparada para usos lectivos tras varias melloras

A concelleira de Educación, María López, na renovada escola /C. teo

A concelleira de Educación, María López, na renovada escola /C. teo / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A concelleira de Educación, María López, vén de confirmarlle á dirección do CRA de Teo o remate dos traballos na escola unitaria da Casalonga. Nos últimos meses fixéronse obras de mellora neste centro que se achegaron aos 50.000 €. A partida máis importante foi para o reforzo estrutural do edificio, de xeito que se poida usar a planta alta do mesmo.

Xunto con esta obra principal fixérase tamén o pintado das aulas inferiores, dos baños e do espazo das escaleiras así como o cambio das luminarias e novos puntos de encendido. En canto á carpintería colocouse un pasamáns e o zócalo na planta baixa.

Logo desta actuación inicial, na planta alta realizáronse máis melloras. Unha vez que se fixo o reforzo tamén se eliminou a tabiquería antiga de xeito que quedaron dous espazo amplos. Nestas aulas colocouse a tarima e cambiáronse as ventás ademais de instalar a calefacción nesta primeira planta.

Dende o Concello de Teo xa se lle informou ao equipo directivo do centro rural agrupado que as instalacións están preparadas para un uso lectivo.