Catro alcaldes galegos, entre eles o de Outes, van exercer de guías turísticos do patrimonio municipal

González participará cos seus homólogos de Castro de Rei, Tui e A Mezquita nun programa para divulgar a historia dos seus concellos

Os alcaldes Manuel González (Outes), esqda., Francisco Balado (Castro de Rei) e Enrique Cabaleiro (Tui) / H.G.

Os alcaldes Manuel González (Outes), esqda., Francisco Balado (Castro de Rei) e Enrique Cabaleiro (Tui) / H.G. / suso souto

Coñecer, amar, valorar e protexer a historia é o principal obxectivo do proxecto Coñecendo a Historia cos alcaldes de Galicia, impulsado polo portal www.historiadegalicia.gal ao que esta primavera se suman catro rexedores das catro provincias galegas co fin de poñer en valor o seu patrimonio local.

A iniciativa pretende converter en guías turísticos e históricos por un día aos alcaldes de Tui (Pontevedra), Enrique Cabaleiro (PSdeG); Castro de Rei (Lugo), Francisco Balado (PPdeG); Outes (A Coruña), Manuel González (Compromiso Outes) e A Mezquita (Ourense), Rafael Pérez (BNG). Eles mesmos serán os guías dun grupo de máis de medio cento de persoas pola historia e o patrimonio dos seus concellos e darán a coñecer os segredos ocultos e as anécdotas históricas que atesouran.

As andainas terán lugar os días 1, 15 e 29 de abril e 6 de maio. Algunhas serán de mañá e outras de tarde e combinarán visitas con camiñatas.

Os alcaldes, acompañados nalgunhas ocasións por divulgadores locais, explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. Os participantes deberán inscribirse previamente na páxina web do proxecto e aboar 5 euros para pagar seguros e transporte.

No tocante ó roteiro de Outes, leva por título Onde os carpinteiros se fixeron mestres do mar, e terá lugar o día un de abril. Trátase dunha ruta litoral para divulgar a carpintería de ribeira, proceso tradicional da fabricación de embarcacións de madeira.

Durante a visita coñeceranse varias carpinterías de ribeira e visitarase o Museo Estaleiro de Ciprián, recentemente inaugurado, para coñecer esta arte da construción mariñeira. O alcalde, Manuel González, estará acompañado por Antonio Rodríguez, divulgador e impulsor de Tremuzo Historia e Patrimonio.