O Grupo de Acción Costa Sostible canalizou máis de 7 millóns para impulsar sesenta e sete proxectos

Estas iniciativas permitiron crear 61 empregos // Rosa Quintana destacou en Fisterra o potencial dinamizador destas agrupacións

Entre os anos 2016 e 2021, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible xestionou un total de 67 das 661 iniciativas que se desenvolveron en Galicia, e canalizou inversións de máis de 7 millóns de euros (arredor do 18 % do orzamento total) no seu ámbito territorial. Un investimento que permitiu a creación de 61 postos de traballo a tempo completo, segundo sinalou este luns en Fisterra a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita a hotel Bela Fisterra, un dos beneficiarios destas axudas europeas.

Sinalar que o GALP Costa Sostible dá cobertura aos concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son, abarcando un territorio total de 593,4 Km2, cunha poboación duns 62.000 habitantes.

Quintana, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e polo xerente do establecemento hoteleiro, Pepe Formoso, destacou o potencial dos grupos de acción local do sector pesqueiro “na dinamización do turismo e das economías locais”.

Puxo como exemplo o propio hotel Bela Fisterra, que suma varios premios de deseño, algúns deles internacionais. A conselleira do Mar salientou ademais a arquitectura responsable deste edificio, “que conecta coas tradicións e arquitectura industrial do lugar”. De feito, engadiu, “esta infraestrutura ten forma de cetárea e tamén alberga exposicións divulgativas e eventos relacionados con Fisterra, o mar e a cultura vencellada a el”. Ademais conta cunha pequena tenda onde se comercializan produtos do mar en conserva, procedente da actividade local e envasados na Costa da Morte.

“Isto é unha mostra da vitalidade que os GALP aportan ás zonas costeiras”, subliñou Rosa Quintana, quen sinalou que o proxecto do hotel fisterrán contou cunha axuda pública de 200.000 euros (case o 40 % do custo total) para favorecer os fins da iniciativa. Entre eles, a implantación dun aloxamento “innovador, sostible, accesible e inclusivo, a promoción do Camiño de Santiago á fin da Terra ou a posta en valor dos recursos e atractivos de Fisterra”.

O seu xerente destacou ademais que é “o único hotel literario e amigo das mascotas de Galicia”.

TEMAS