Xantares e tapas con pasatempos para promocionar a lingua galega nos locais hostaleiros de Carballo
Repartirán 20.000 salvamanteis con anagramas e sopas de letras // Incluirán imaxes da píllara das dunas e un poema de Pondal
A partir da Semana Santa os clientes da hostalaría de Carballo poderán entreterse e exercitar o uso da lingua galega facendo unha sopa de letras ou un anagrama mentres agardan por unha tapa, unha ración ou un xantar. Trátase dunha nova iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística en colaboración coa Asociación da Hostalaría.
Con tal fin farase un reparto masivo de salvamanteis (20.000 unidades na primeira edición) con pasatempos da revista A píllara, editada polo Concello de Carballo coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Ademais, incluirán imaxes da píllara das dunas, un poema de Eduardo Pondal no que se fala desta ave protexida e mesmo un código QR que permite escoitar o seu canto. Uns contidos que irán variando en futuras tiradas.
A proposta foi moi ben acollida polo sector e xa hai unha ducia de establecementos anotados. Os que aínda non se apuntaron poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal, chamando ao 881 883 865 ou de maneira presencial na casa do concello.
Todas as peticións serán aceptadas e incluso se irán repoñendo os salvamanteis ata fin de existencias. E tampouco se descarta realizar novas tiradas. A iniciativa foi presentada nun acto presidido polo alcalde carballés, Evencio Ferrero, no que participaron tamén o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; a edil de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; a técnica do SNL, Carme Pereiro, e varios profesionais do sector hostaleiro.
O Servizo de Normalización Lingüística ten en marcha tamén varios proxectos colaborativos como Youtubeiras e Enreguéifate, actividades para familias con cativada de 0 a 6 anos a través da rede Apego e cursos preparatorios para as probas Celga, de inmersión lingüística para extranxeiros e de linguaxe administrativa para o persoal municipal. Tamén promoveu campañas de reparto de adhesivos a alumnos da ESO e colaborará coa UDC no curso de verán Traballando en lingua.
Temas
Más en Área
-
Ames crea espacios culturales en O Milladoiro y ya tramita el tercer Plan Único más alto en la comarca
-
Eligen al orosano Diego Conde nuevo miembro de la Academia de Veterinaria de Galicia
-
Sorpresa en las obras de reforma del consistorio de Ribeira: una planta sin columnas y un sótano sin ascensor
-
Llamamiento del Santuario Vacaloura de animales abandonados para acabar su ampliación en Arzúa