Coreografías de vangarda na Primavera enDanza

O Pazo da Cultura vai acoller entre o 14 e o 29 de abril as compañías galegas Colectivo Globo, Laboratorio Escénico, Elahood e Entremáns, e a madrileña de Daniel Abreu

Armando Martén e Ana Beatriz Pérez, de Entremans, fixeron una avance do espectáculo ‘Bionic’ /c, carballo

Armando Martén e Ana Beatriz Pérez, de Entremans, fixeron una avance do espectáculo ‘Bionic’ /c, carballo / redacción

Redacción

Carballo sítuase de novo na vangarda da cultura grazas á Primavera enDanza, o programa de baile máis lonxevo de Galicia, segundo apuntou o alcalde Evencio Ferrero, na presentación da vinte e unha edición. O Pazo da Cultura será o escenario do 14 ao 29 de abril de cinco espectáculos coreográficos contemporáneos e de vangarda, catro dos cales foron contratados a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto autonómico desenvolvido xunto ás corenta entidades locais xestoras dos espazos escénicos asociados.

A primeira actuación terá lugar o venres 14 de abril, ás 21.00 horas, da man de Colectivo Globo, que presentará Tabú. Ao día seguinte, Laboratorio Escénico Coop estreará Blues de medianoite (20.30 horas). O sábado, día 22, a compañía madrileña de Daniel Abreu achegará o espectáculo El hijo (20.30 h), e o venres, día 29 Elahood representará (21.00 h). Pechará a Primavera enDanza 2023 Entremans con Bionic (20.30 h).

Como adianto, os asistentes ao acto de presentación do programa desfrutaron dun avance do espectáculo Bionic na Praza do Concello, a cargo dos bailaríns de Entremans. Armando Martén e Ana Beatriz Pérez pecharán este ano a Primavera enDanza coincidindo, precisamente, co Día Internacional da Danza.

Dende o Concello destacan que “ademais do seu interese intrínseco, a danza contemporánea é unha manifestación artística con gran repercusión nas artes escénicas actuais e ten un alto potencial creativo, de innovación e experimentación”. Por iso, recomendan a todas as persoas que queiran estar ao día das últimas propostas artísticas que non se perdan a Primavera enDanza.

As entradas xa están á venda na nova plataforma de venda online do Concello de Carballo, á que se pode acceder dende a páxina web municipal: carballo.gal.

No acto de presentación, ademais do alcalde, Evencio Ferrero, participaron tamén o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen destacou que esta cita de Carballo sempre pon o foco sobre diferentes propostas coreográficas contemporáneas e de vangarda. Subliñou ademais a decidida aposta pola danza, en liña coas diferentes iniciativas desenvolvidas polo Goberno galego para a promoción e fomento desta disciplina escénica.

PLAN INTEGRAL

. A este respecto, Jacobo Sutil destacou a elaboración do Plan Integral para a Danza de Galicia, a partir dun proceso aberto e participativo co sector, ademais doutras accións xa en marcha como a reserva dunha dotación específica nas subvencións á creación escénica; o plan de coproducións que se canaliza a través do Centro Coreográfico Galego ou o apoio ás residencias artísticas promovidas polas propias compañías.

O circuíto autonómico conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros para a carteleira que se desenvolve de xaneiro a xuño e que está a supoñer a contratación de 114 formacións artísticas para levar a cabo preto de 320 funcións escénicas e concertos en escenarios das catro provincias galegas.