Terras de Santiago vai formar, consolidar e difundir a súa calidade turística arredor dos ríos neste 2023

Representantes dos 11 concellos da Barcala, Xallas, A Maía, Sar e Compostela analizaron as accións a remitir á Axencia de Turismo de Galicia // Diríxense á sinatura do convenio de xeodestino previsto para o presente ano

Técnicos e munícipes reunidos este mes en Negreira para abordar as acción presentadas para o xeodestino /  GDR Terras de Santiago

Técnicos e munícipes reunidos este mes en Negreira para abordar as acción presentadas para o xeodestino / GDR Terras de Santiago / Marcos Manteiga

A casa do concello de Negreira vén de acoller unha xuntanza do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela para analizar as accións presentadas á Axencia Turismo de Galicia para a sinatura do convenio do xeodestino 2023. E o obxectivo semella claro, xa que todas as actividades previstas para esta anualidade xiran en torno aos recursos turísticos que, dende 2019, divulgan a enorme riqueza fluvial da bisbarra. E para potencialos, inclúese un plan de formación dos axentes involucrados; a planificación, creación e consolidación do produto e un apartado de difusión.

Deste xeito, comezouse deixando claro que a formación é clave para crear unha “imaxe de marca”, na que os diferentes servizos vinculados ao turismo sexan de gran calidade. E para iso é imprescindible unha profesionalización e cualificación dos diferentes axentes públicos e privados que, dalgunha maneira, están vinculados. Dentro desta liña de actuación, recóllese unha acción a desenvolver ao redor do SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino). Segundo os responsabeis do GDR Terras –que preside a edil brionesa Guarina Rey e conta cas técnicas Chefa Fernández e Xisela Mosquera, máis a asesora María Traveso–, “é vital ofrecer un nivel de calidade óptimo e, como xeodestino, é necesario implementar a calidade en todo o sector”.

Con esta acción búscase ofrecer formación ó persoal dos distintos establecementos que presten servizos aos visitantes para, por unha parte, axudarlles a que adquiran coñecementos e que poidan usar ferramentas que beneficien ao seu negocio e, por outra, profesionalizar o sector e contribuír á creación do destino turístico de calidade no territorio.

A formación versará sobre diferentes temas como a planificación da mellora, boas prácticas de xestión, autoavaliación, xestión de suxestións, queixas e reclamacións ou coñece o teu destino, entre outras. Implicará ao sector privado, profesionais do turismo do xeodestino e persoal técnico especialista de empresas subcontratadas para a execución da formación. Como meta búscase “mellorar a calidade de servizo dos establecementos do xeodestino Terras de Compostela adheridos”.

PLANIFICAR.

No que atinxe á planificación, creación e consolidación do produto turístico, hai xa 4 anos configurouse un co que se pretende axudar á diferenciación con respecto a outros: trátase dun plan de acción e definición enmarcado no epígrafe Terras de Compostela, destino fluvial. Agora crearanse experiencias dándolle continuidade á configuración da oferta de recursos arredor dos ríos. En concreto, para o 2023 anímase á “creación dun programa de actividades de natureza e culturais que promovan o coñecemento dos visitantes desta oferta, á vez que dinamizan a actividade turística en tempada baixa”, explicaba na mesma xuntanza.

Por suposto, tamén está o importante apartado da comercialización, promoción e difusión do produto turístico, “unha estratexia conxunta e en clave de destino” que debe de transcender os límites municipais. Dentro desta liña de actuación, recóllense tres accións a desenvolver que se refiren principalmente ao deseño dunha estratexia de promoción e comunicación, conxunta e en clave de destino, transcendendo os límites municipais, e inclúe tres accións.

Por unha banda, está a mellora e ampliación da web de turismo fluvial wwww.terrasdecompostela.org, con accións encamiñadas á incorporación dos elementos promocionais que xurdan das actividades para darlle pulos e consolidar o xeodestino Terras de Compostela. Así, mellórase “a visibilidade do produto turístico en particular e do xeodestino, en xeral, favorecendo que o público poida coñecer a oferta turística de Terras de Compostela”, din.

Logo está a promoción de Terras como destino familiar. Neste senso, no ano 2021 púxose en marcha a creación das Rutas Interpretadas, dentro de Terras de Compostela, destino fluvial e como fórmula para atraer e dar a coñecer a proposta turística ao público familiar. Este ano proponse a promoción desas rutas citadas, pero complementada coa elaboración de materiais promocionais que poidan dar a coñecer este produto entre os núcleos familiares.

E, por outro lado, unha vez configurado o produto turístico, é preciso difundilo e dalo a coñecer entre o público potencial. Para iso proponse unha partida que vai destinada á promoción do destino en redes sociais; á promoción do programa de experiencias e á elaboración dun vídeo. Neste caso, como en apartados anteriores, quérese implicar ao sector público, pero tamén ao privado, ademais de aos habituais profesionais do xeodestino e ao persoal técnico expecialista das empresas subcontratadas para executar as actuacións. “Mellorar a visibilidade do xeodestino” é o seu obxectivo.

OS DATOS

DEFINICIÓN. Un xeodestino é unha área geográfica que comparte unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos, naturais, patrimoniais e culturais, con capacidade para xerar e atraer fluxos de visitantes e que conforma unha homoxeneidade turística diferenciada e singular. Actualmente hai 26 en Galicia, incluíndo na comarca aTerras de Santiago, A Costa da Morte, Terras de Ordes, Ulla-TambreMandeo, Barbanza-Arousa, Deza-Tabeirós, Ría de Muros e Noia, Mar de Santiago e Terras de Pontevedra-O Morrazo.

CONCELLOS. Os once concellos que forman o xeodestino Terras de Santiago son Rois, Santa Comba, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Ames, Brión, Teo, Boqueixón, Vedra e Padrón.