Acuicultura innovadora e sostible

O salón AquaFuture Spain’23 acolle tamén un variado e completo programa de presentacións

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitando un dos expositores de AquaFuture /xunta de galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitando un dos expositores de AquaFuture /xunta de galicia / redacción

Redacción

O II Salón Internacional da Industria Acuícola, AquaFuture Spain’23, abriu este martes as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda coa presenza de 160 empresas de 24 países. Unhas cifras que supoñen un dez por cento máis de expositores e un nove por cento máis de superficie, e nas que cabe destacar que o 35 % das entidades expositoras son internacionais.

Visitantes na primeira xornada do salón internacional / FIG abanca

Visitantes na primeira xornada do salón internacional / FIG abanca / redacción

O certame, organizado por OK Eventos, foi inaugurado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e durante tres días conxugará negocio, análise e innovación. Á súa área expositiva unirase ata o xoves un completo programa de actividades.

Momento dun showcooking na feira / feira internacional

Momento dun showcooking na feira / feira internacional / redacción

En canto ás súas xornadas técnicas, que este ano profundan máis naqueles aspectos claves para a sustentabilidade e o crecemento do sector da acuicultura, este martes abordaron temas de gran relevancia, como son os instrumentos de financiamento para a acuicultura sostible, a economía circular aplicada á acuicultura e as oportunidades do mercado internacional. Máis dunha ducia de expertos do sector foron os encargados de debullar estes aspectos, representando á Asociación Empresarial de Acuicultura de España (Apromar), o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), a Fundación Biodiversidad, a Axencia Nacional de Desenvolvemento da Acuicultura de Marrocos (ANDA), o Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa (ICSEM), a Universidade de Vigo, Morenot, o clúster de acuicultura Acuiplus, a empresa J.J. Chicolino ou Abanca Mar.

O salón AquaFuture Spain’23 acolle tamén un variado e completo programa de presentacións, entre elas as tituladas Acuicultura de precisión ao servizo do produtor; Prototipo innovador de usos múltiples que combina enerxía renovable en alta mar e acuicultura na conca atlántica; Incubadora de alta tecnoloxía especializada en biotecnoloxía azul e acuicultura; Equipo Biofarm, exemplo de servizo á granxa; e Patoloxías virais transmitidas por consumo de moluscos bivalvos.

Por outra banda, tras o éxito da pasada edición, volve a cociña en vivo todos os días do evento. Así, a Administración autonómica, con Galicia sabe a mar, ofreceu na xornada inaugural do salón diferentes elaboracións con conservas de peixes de acuicultura de Anfaco-Cecopesca.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, puxo de relevo na súa intervención a importancia de AquaFuture Spain’23 para fortalecer a competitividade sustentable do sector galego de cultivo de produtos do mar.

Ademais, fixo fincapé no valor deste foro para captar clientes e obter novas ideas de traballo, así como para recoñecer a acuicultura de Galicia en todo o mundo, pois nel conflúen centros de investigación, institucións, asociacións e produtores. Nesta liña, Rosa Quintana sinalou que se trata dun escenario para dialogar e reflexionar con todos estes axentes sobre o presente e futuro da actividade. Unha cuestión, incidiu, na que é necesario “que cada un asuma o seu papel e faga autocrítica” para poñer luz no desenvolvemento do sector.

Entre os temas a abordar están os relacionados cos instrumentos de financiamento, a economía circular aplicada, a internacionalización do mercado, a sustentabilidade e o cambio climático e as solucións tecnolóxicas nas cadeas de transporte e distribución. Ante estes retos e para dar resposta ás esixencias das novas formas de alimentación, según puntualizou a conselleira, a aposta de Galicia é firme e “sen perder de vista a protección dos recursos naturais, pois no mundo do mar hai sitio para todos, e no da acuicultura e os seus recursos tamén”.

CULTIVO.

Neste camiño, engadiu, “hai que atender ao sistema de produción de modo que sexa sustentable nos eidos medioambiental e socioeconómico”. Ao mesmo tempo, explicou que o cultivo de recursos mariños é un complemento necesario da industria extractiva e esta conxugación “pasa por impulsar novas formas de traballar que pivoten sobre os eixos da innovación e o crecemento sustentable”.

En relación con estas premisas para impulsar a actividade acuícola, a conselleira subliñou que a innovación representa “un xeito altamente eficiente de producir proteína animal cunha baixa pegada de carbono”, e que a sustentabilidade mitiga os efectos do cambio climático para os sistemas de produción de alimentos. Ademais, engadiu que as consideracións de Galicia sobre o futuro da acuicultura están recollidas no ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Común.