O ciclo Cafés feministas convida na Pobra a falar de Igualdade

As sesións comezarán o día 15 de abril con As relacións sas e o bo querer para conversar sobre os conceptos existentes en relación co vínculo amoroso e coa dependencia emocional

Rodríguez, esquerda, Varela e Pérez / C.p.

Rodríguez, esquerda, Varela e Pérez / C.p. / s. souto

Un encontro de intervención socioeducativa que tenta abordar a violencia machista a través da formación e sensibilización nun ambiente distendido e con perspectiva de xénero: así nace Cafés feministas, unha iniciativa dirixida a mulleres e homes promovida pola concellería de Igualdade da Pobra, que se concentrará nos meses de abril e maio.

Na presentación participaron a edil de Igualdade, Charo Varela; a axente de dito departamento, Carolina Rodríguez; e Alba Pérez, educadora social de Exeria, quen guiará os faladoiros e achegará recursos para aplicar nas situacións obxecto de análise. As sesións comezarán o día 15 de abril con As relacións sas e o bo querer para conversar sobre os conceptos existentes en relación co vínculo amoroso e coa dependencia emocional. O día 29 porase o foco nas dependencias e a saúde para compartir impresións sobre o enlace entre as relacións de parella e a saúde mental. E o día 20 de maio falarase da importancia do autocoidado coa finalidade de pór sobre a mesa accións que contribúan ao benestar persoal. As reunións desenvolveranse de 11.30 a 13.30 horas na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal. Ademais, proporcionarase material sobre os contidos.

.