Produtos da horta, ecolóxicos e artesanía na décima edición de Víndemo Ver en Carnota

Unha imaxe da mostra que se celebra en Carnota / ecg

Unha imaxe da mostra que se celebra en Carnota / ecg / j. m. ramos

A praza de San Gregorio, de Carnota, acolle ata o domingo, día 9, a décima edición da Mostra de Promoción Local Víndemo Ver - Mercado da Deputación, que ofrece a veciños e visitantes unha grande variedade de produtos da horta, ecolóxicos e de proximidade, xunto cun amplo abano de postos de artesanía de creadores locais.

Paralelamente, desenvolveranse múltiples actividades paralelas como a X BTT de Carnota, que terá lugar este venres, a partir das 9.30 horas, e unha xincana para a rapazada no patio do colexio de 12.00 a 14.00 horas. O sábado, día 8, ás 9.30 horas partirá do hórreo de Carnota a andaina temática A ruta to millo, que achegará aos camiñantes a distintos exemplares de arquitectura popular vinculada ao millo, como hórreos, muíños e eiras.

Xogos tradicionais, circo, clowns, actividades culturais, teatro, dúas exposicións e actuacións musicais complementarán a mostra, que foi inaugurada este xoves polo alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e o deputado provincial Blas García.