Frades reclama o arranxo da N-634 e a senda de Ponte Carreira a Aiazo

redacción

Unanimidade do pleno de Frades á hora de solicitarlle ás administracións provincial, autonómica e nacional cadansúa actuación nas infraestruturas do municipio. Así, os tres grupos municipais volveron esixirlle ao Ministerio de Transportes a inmediata realización de melloras na ponte vella sobre o Tambre, nos accesos á Cooperativa Central de Frades e na N-634 ao seu paso pola localidade de Ponte Carreira. Unha petición, segundo explicaron, fundamentada nun informe da arquitecta municipal que denuncia que “o estado da estrada N-634, ao seu paso polo Concello de Frades, no tramo urbano de Ponte Carreira, presenta numerosos problemas que dificultan o tránsito pola mesma, así como diversas carencias de seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns”. Din que o acceso á cooperativa “é moi difícil para os camións, que son de grandes dimensións e teñen que dar un xiro moi cerrado”. Tamén acordaron solicitar á Deputación provincial a senda peonil de Ponte Carreira a Aiazo.