Dedican 1,2 millóns a tarefas de rexeneración no río Anllóns para evitar as inundacións

A Xunta licitou por máis de 1,2 millóns de euros a súa mellora ao paso pola Cepeira, no concello de Carballo

redacción

A Xunta de Galicia licitou por máis de 1,2 millóns de euros as tarefas de mellora no río Anllóns, ao paso pola Cepeira, en Sísamo, no concello de Carballo, para reducir o risco de inundacións. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o doce de maio.

A actuación, que conta cun prazo de execución de sete meses, consiste na mellora hidráulica do río na zona de Sísamo, concretamente na contorna do enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552. Os traballos deseñados apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural. Estas tarefas complementaranse ca remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol; a remodelación integral do parque San Martiño; ou a reforma da ponte sita na rúa Fomento, entre outras.