O auditorio da meirande urbe de Ames acollerá a proxección de "As bestas"

O auditorio da casa da cultura do Milladoiro acolle este martes unha nova sesión da iniciativa "Abril de cine"

Escena do filme "As bestas", de Sorogoyen, que chega a Ames

Escena do filme "As bestas", de Sorogoyen, que chega a Ames / M. M.

M. M.

O auditorio da casa da cultura do Milladoiro acollerá este martes unha nova sesión da iniciativa "Abril de cine", que busca achegar diversas pezas audiovisuais do cine galego e nacional á veciñanza amesá. Desta volta proxectarase a película As bestas, multipremiada na última edición dos Goya. Será ás 20.00 horas e as entradas poden adquirirse na billeteira web amesá.

Dirixida por Rodrigo Sorogoyen, baséase en feitos reais, e conta como a chegada dunha parella francesa a unha case deshabitada aldea inicia unha disputa veciñal que remata en traxedia.

No filme, Antoine e Olga instálanse no interior de Galicia, onde levan unha vida tranquila a pesar da complicada convivencia cos lugareños, ata que, un día, un conflito cos irmáns Anta pola venda dunhas terras para o parque eólico remata en traxedia.

A película é unha ficción inspirada nunha historia real, a de Martin Verfondern, un holandés que se mudou á aldea de Santoalla xunto coa súa muller, Margot, en 1997. A aldea só estaba habitada por eles e pola familia Rodríguez.