Teatro e unha pedestre para lembrar os 177 anos da Batalla de Cacheiras

Os Quinquilláns amenizarán o roteiro / c.t.

Os Quinquilláns amenizarán o roteiro / c.t. / M. Manteiga

Con motivo do 177 aniversario da Batalla de Cacheiras, e dada a implicación que tivo o territorio de Teo nese evento, o executivo municipal considera moi relevante que a poboación local coñeza de primeira man esta historia. Por iso, o Concello e Os Quinquilláns ofrecen unha ruta dramatizada o vindeiro 23 de abril. A proposta inclúe un percorrido dende Bamonde ata o miradoiro de Montouto con case nove quilómetros de percorrido. O actor e a actriz do citado grupo teatral farán varias paradas nas que debullarán parte deste acontecemento histórico. Haberá autobús de regreso para ir do alto de Montouto a Bamonde. Trátase dunha ruta de certa dificultade, polo que está indicada para adultos acostumados a camiñar. Alongarase entre as 10.00 e as 14.00 horas, e as anotacións xa están pechadas. Do mesmo xeito, veñen de abrir o prazo de inscrición para a Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras, que chegará o seis de maio, recuperando o percorrido previo á pandemia. A proba absoluta terá un itinerario de nove quilómetros dende a reitoral de Bamonde ata o alto de Montouto, na Pena Escorredía. As inscricións, tanto nas probas para escolares como na absoluta, faranse ata o día 3 de maio a través da web www.emesports.es.