Lucía Calvo quere máis concentracións parcelarias para o Concello de Teo

A candidata do PP vense de reunir co conselleiro de Medio Rural // Lembran a importancia para poñer en valor as terras e obras públicas

O conselleiro do Medio Rural ca candidata do PP teense, Lucía Calvo

O conselleiro do Medio Rural ca candidata do PP teense, Lucía Calvo / PP

 Lucía Calvo, candidata do Partido Popular á alcaldía de Teo, reuniuse co conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, a quen lle trasladou as necesidades sobre os procesos de concentración parcelaria nos montes do concello teense.

Deste xeito, Calvo fíxolle chegar ao conselleiro “unha preocupación de moitos veciños”, tendo en conta, sinalou, “que a concentración abre a vía á posibilidade de aproveitar os terreos resultantes para desenvolver proxectos de interese, ao tempo que se evita o posible abandono do rural”. Ademais, segundo a candidata dos Populares, “a falta de concentración pode xerar dificultades e problemas en procesos de expropiación de montes para levar a cabo obras públicas de interese xeral”. 

Pola súa parte, no encontro, González Vázquez coincidiu na relevancia das parcelarias para darlle valor ás terras. Calvo lembrou que no concello de Teo, malia que nos últimos anos xa se culminaran varios procesos, hai outras áreas aínda sen concentrar, que supoñen unha notable porcentaxe da masa forestal do municipio.