Luz verde ás expropiacións para unir Rianxo e Burés por Asados cunha senda peonil

Fachada de la casa consistorial de Rianxo

Fachada de la casa consistorial de Rianxo / ECG

A Deputación Provincial da Coruña aprobou o inicio dos trámites das expropiacións para a execución dunha senda peonil na estrada provincial DP-7202 de Rianxo a Burés, pasando por Asados. As obras, que contan cun orzamento previsto de 169.614 euros, consistirán na execución dunha senda peonil paralela á estrada, na súa marxe dereita, que dá continuidade ás existentes para unir cos outros tramos.

Para iso proxéctase unha senda elevada, cun ancho medio de dous metros, mediante unha excavación con saneo nunha profundidade media dun metro. Colocarase un recheo cun espesor de setenta centímetros, xabre artificial en trinta centímetros e pavimento con baldosa hidráulica sobre unha base de formigón e un bordo de dez centímetros de espesor por encima. Para a drenaxe das augas pluviais contémplase a construción dunha rede de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro que discorrerá por debaixo da mencionada senda.

Será necesaria a substitución do tramo da rede de abastecemento e dos puntos para a iluminación pública. O prazo de execución dos traballos é de 4 meses.