Duascentas vinte persoas loitan contra as velutinas en Carballo

En dous meses capturaron máis de 8.100 avespas // Na Laracha, Cabana, Laxe e Zas tamén teñen en marcha campañas de trampeo

Avespas velutinas capturadas en Zas en campañas pasadas /c. de zas

Avespas velutinas capturadas en Zas en campañas pasadas /c. de zas / J. M. RAMOS

A loita contra a avespa velutina require de medios técnicos e humanos, pero tamén de constancia. Unha persistencia que veñen amosando dende hai varios na Laracha, Carballo, Cabana, Zas e Laxe, onde os propios concellos se puxeron á fronte para liderar as campañas contra esta especie invasora.

Antes de que avanzase a primavera, en todos eles puxéronse en marcha campañas de trampeo que xa están a ofrecer resultados. En Carballo este ano sumáronse ao servizo municipal de control de pragas un total de 221 persoas (moitas delas apicultores), que conforman unha rede de voluntariado que se estende polas 18 parroquias e segue aberta a novas incorporacións. Os interesados só teñen que pasar polas oficinas da empresa que se encarga do servizo, situadas na rúa Brasil.

Grazas a esta gran rede de colaboradores, nos dous primeiros meses da campaña de trampeo foron capturadas 8.164 avespas, e dende que se puxo en marcha repartíronse 1.174 trampas e 1.072 litros de líquido atraente, todo de balde.

De xeito paralelo, o Concello carballés e a Asociación Galega de Apicultores (AGA), que levan anos colaborando na loita contra a velutina, seguen coas charlas en distintas zonas do municipio coa finalidade de achegar a información a toda a poboación. O ano pasado celebráronse nos centros sociais de Sofán, Rus, Lema, Cances e na Escola de Arrabaldes, e este ano leváronse a cabo na Brea, Sísamo e Bértoa. En todas elas, o responsable do servizo, Isidro Rodríguez, explicou dun xeito moi ameno tanto os prexuízos da avespa asiática para a cría de abellas e a produción de mel como as medidas para previr picaduras, o xeito de preparar unha trampa caseira ou como participar na campaña de trampeo, entre outros aspectos.

Dende o Concello agradecen a implicación da cidadanía na loita contra a avespa velutina. A campaña de trampeo concéntrase entre principios de marzo e finais de maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios.

Pola súa banda, na Laracha este ano adiantaron o comezo do trampeo co propósito de optimizar os resultado. Unha empresa especializada colocou un centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias, que o Concello ofrece tamén de balde á veciñanza, ao igual que o líquido atraente.

En Cabana e Laxe tamén se distribuiron un cento de trampas en cada municipio, e todas elas están sendo monitoreadas e xeolocalizables a través dunha aplicación de teléfono móbil. En Zas instalaron oitenta nos puntos máis sensibles coa colaboración duns sesenta veciños.