A Biblioteca Francisco Mayán de Cee premia a creación literaria dos escolares

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, cos membros do xurado e os ganadores desta edición

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, cos membros do xurado e os ganadores desta edición / Foto Fuentes

Redacción

O salón de actos do Auditorio Baldomero Cores, de Cee, acolleu esta mañá o acto de entrega dos premios do XXXII Concurso Literario de Achegamento ó Libro e do XIX Na Procura do Noso Marca-páxinas, convocado pola Biblioteca Municipal Francisco Mayán.

Unha imaxe de fondo do responsable da biblioteca José Ramón Rey, “Mon”, que está de baixa por enfermidade, presidiu o acto de entrega dos premios que el creou hai 32 anos. A alcaldesa, Margarita Lamela, deu lectura a unha mensaxe do propio bibliotecario, que agradeceu o aumento da participación nesta edición, na que se presentaron 217 traballos, 101 nos concursos literarios e 116 no de marca- páxinas. Felicitou aos nenos e ao profesorado por seguir apostando por este concurso senlleiro na Costa da Morte. Cos traballos deste ano logrouse superar a cantidade de 8.000 ao longo destes 32 anos de historia.

Margarita Lamela subliñou que “os libros e as bibliotecas son imprescindibles na nosa vida e non esquezades nunca que a biblioteca é un espazo de liberdade, de saída a universos descoñecidos, un lugar da memoria, onde podemos acceder ao pensamento de tantos autores e autoras que foron deixando o seu pouso literario, científico, filosófico, artístico, pedagóxico... “.

A obra gañadora do 1º e 2º de Primaria foi O home que non sabía ler, de Breixo Souto García, do colexio Manuela Rial Mouzo, e recibiron accésits as obras Felipe e os libros da súa nenez, de Martina López Cambeiro, e Flo e o seu avó, de Manuel Arán Santamaría, do mesmo centro educativo.

Na categoría de 3º e 4º de Primaria o traballo gañador foi O segredo de Max, de Sira Simón Piñeiro, do colexio Manuela Rial Mouzo, e recibiron accésits O conto dos contos, de José Canosa Rodríguez, e A aventura de Catuxa, de Catalina Grace Bowditch Vila, ambos tamén alumnos do referido centro.

Pola súa banda, a obra gañadora de 5º e 6º foi Xoán, o neno que cambiou o mundo, de Iago Marcote Paz, do colexio Vila de Cee, e recibiron accésits Ler é soñar, de Rubén García Risco Caamaño, do colexio Manuela Rial Mouzo, e O silencio dos abusóns, de Maruxa García Alves, do centro Vila de Cee.

No tocante ao concurso de marca-páxinas, a gañadora foi Rosario Abelleira Paz, do colexio Vila de Cee, coa obra As palabras dun libro iluminan o meu camiño. Recibiron accésits as obras Ler é a chave que abre todas as portas, de Fátima Santos García, do CEIP de Vilarmide (Muxía); O libro adecuado, de Gabriela Villada Ramírez, do colexio Manuela Rial Mouzo, de Cee; Se queres aventuras apúntate á lectura, de Asier Triñanes Lestón, do Manuela Rial Mouzo: e Ler te transforma, de Sofía Paz Pazos, do CEIP de Brens.

Previamente, o alumnado dos colexios Vila de Cee, Manuela Rial Mouzo, CEIP de Brens e CEIP de Vilarmide, divertíronse co espectáculo educativo Unha galaxia chea de estrelas de A Trastenda dos Contos, no que se fixo un percorrido polos últimos cen anos das nosas letras, centrándose na figura de Francisco Fernández del Riego pero tamén noutras figuras que algunha vez foron homenaxeadas co Día das Letras Galegas.