Trescentos escolares celebraron As Letras en Valga sumándose á Carreira pola lingua

A Casa Rosalía acolle un concerto e presenta unha revista / Na Estrada Celso Sanmartín lee o pregón // Entregan en Negreira os premios do segundo Certame Letras Gazafellas

Alumnos do IES e do CEIP do concello de Valga  participantes Carreira da lingua /CONCELLO DE VALgA

Alumnos do IES e do CEIP do concello de Valga participantes Carreira da lingua /CONCELLO DE VALgA / s.e./m.m.o/X.M.R.

S.E./M.M.O/X.M.R.

Concellos e entidades de Área sumánse á conmemoración do Día das Letras Galegas con distintos actos de exhaltación da lingua.

Así, máis de 300 alumnos do IES de Valga, do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza e do CEP Xesús Ferro Couselo participaron este martes nos actos da Carreira pola Lingua, conmemorativa do Día das Letras Galegas e nos que literatura, música, deporte e cultura, en xeral, foron da man. No transcurso dos actos púxose en valor a traxectoria vital e literaria de Fernández del Riego con distintas intervencións e actuacións.

A Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón celebra o día con dous eventos: un concerto do saxofonista padronés Pablo Castaño e o guitarrista brasileiro Iván Vilela, a quen se lle sumará a cantora Felisa Segáade; e a presentación do sétimo número de Follas Novas, coa presenza do seu director, Xosé Luís Axeitos.

Na Estrada ás 11.45 h, a Asociación de Gaitas de Barbude dará comezo ao pregón das Letras na alameda municipal. Xa, ás 12.00h, o escritor lalinense Celso Sanmartín dará lectura ao pregón e realizará a ofrenda floral xunto ao alcalde da vila, ao pé do monólito levantado na honra de Marcial Valladares.Tras este breve acto, terá lugar a actuación da Asociación de Gaitas de Barbude e, ao seu remate, ás 13.00h, comezará o Concerto das Letras na praza do Concello.

A música e a tradición serán as protagonistas da xornada festiva en Silleda, que arrancará cun pasarrúas do Grupo de Gaitas da Escola de Música, rematando na praza Siñor Afranio. Alí, sobre o escenario, actuarán arredor das 12.30 horas o grupo de acordeóns da Emusi. Xa en Negreira, a asociación Gazafellos do Val entrega este día 17, (19.00 horas) cun recital e actuacións, os premios do II Certame das Letras Gazafellas. En relato, gañou Noa Miramontes Santiago, do CEIP negreirés O Coto con O bosque dos vagalumes; en poesía impúxose Candela Mª Mosquera Queiruga, do CEIP santiagués Lamas de Abade, co seu traballo Galegos de Galicia, e houbo mencións especiais para A flor, de Brais Lagares Sanmiguel (Lamas de Abade) e Malala Yousafzi, de Uxía Busto Domínguez (CEIP Agro do Muíño, Ames).

En Ponteceso, na pequena aldea do Couto celebran O Dezasete, unha xornada que estará marcada pola entrega dos premios anuais Bos e Xenerosos, que concede a Fundación Eduardo Pondal e que este ano recibirán os escritores Manuel Rivas e María Canosa, a presentadora e e xornalista Pilar García Rego e o gravador carballés Manuel Facal. O acto comezará ás 12.45 horas.